
Na sesión ordinaria tamén se aprobará unha declaración institucional reclamando o cesamento do xenocidio en Palestina
O Concello de San Sadurniño debaterá e votará no pleno ordinario deste mes de xullo -xoves ás 19:30h- os orzamentos municipais do exercicio 2025. A proposta que defenderá o Goberno local ascende a 3.918.154,79€ e recolle un incremento notable en investimentos reais e transferencias correntes, cunha aposta clara pola xestión directa dos servizos -especialmente os sociocomunitarios- e o apoio ao tecido sociocultural e deportivo do municipio. Segundo o Executivo, trátase dunhas contas que manteñen o equilibrio entre ingresos e gastos e que medran en algo máis de 186.000 euros con respecto ao orzamento prorrogado de 2024, o que vén sendo un incremento lixeiramente superior ao 5%. A sesión poderá seguirse ao vivo a través de YouTube e tamén inclúe na orde do día a aprobación dun proxecto para o POS+ Adicional 02, os festivos locais de 2026 -17 de febreiro e 2 de xullo- e outros dous temas máis: unha moción do BNG en defensa do sostemento público do SAF e a atención á dependencia e, por outra banda, unha proposta de declaración institucional reclamando o cesamento do xenocidio en Palestina. Ao tratarse dunha sesión ordinaria, o pleno tamén incluirá apartado de rogos e preguntas.
Segundo recolle a memoria explicativa, o incremento no orzamento responde sobre todo á inclusión de actuacións financiadas mediante subvencións externas. Así, o capítulo de investimentos reais acada os 783.576,75€, cunha importante achega de transferencias de capital (592.798,30€), procedentes maioritariamente da Deputación da Coruña e da Xunta. Estes fondos destinaranse a melloras en camiños, abastecemento de auga, eficiencia enerxética ou servizos sociais.
No argumentario que se exporá no pleno, o Executivo local destaca o esforzo por manter a prestación directa dos servizos básicos, entre eles o Servizo de Axuda no Fogar e a Escola Infantil, que seguen supoñendo un importante custe municipal ante a “insuficiente” cobertura económica por parte da Xunta. O capítulo de gasto en persoal sitúase nos 1.474.058,79€, adaptado á RPT vixente, mentres que o gasto en bens e servizos baixa lixeiramente respecto ao ano anterior, quedando en 1.453.724,25€ grazas a medidas de eficiencia e xestión propia.
O Capítulo IV das transferencias correntes conta con 185.545€, dirixidos a subvencións nominativas para entidades locais, convenios de colaboración social, bolsas de estudo, asistencia social e promoción cultural e deportiva. Entre as achegas destacan os 48.500 dedicados a convenios nominativos con varias entidades para acometer proxectos de desenvolvemento local, culturais e deportivos de interese común, os 38.000 euros da convocatoria de axudas para Cultura, Deportes e plantación de froiteiras ou os 25.000€ das bolsas para o estudo. Tamén se inclúe unha previsión de 5.000€ para axudas sociais de emerxencia.
Unhas contas condicionadas polas achegas doutras administracións
En canto aos ingresos, a maior partida correspóndese coas transferencias correntes, que medran ata os 2.108.156,49€, grazas á confirmación de achegas estatais, da Deputación e da Xunta, incluíndo o plan concertado para servizos sociais. A pesar deste incremento, o Concello mantén a prudencia á hora de estimar os ingresos por impostos directos (778.000€) e taxas (393.700€), axeitando as previsións aos datos de execución real doutros anos.
A memoria orzamentaria fai tamén unha reflexión crítica sobre o actual sistema de financiamento dos concellos galegos, comentando a insuficiencia do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, “conxelado desde hai unha década”. O Goberno local insiste na necesidade de que este fondo se mire no espello dos plans provinciais e que o seu reparto sexa “máis xusto e adaptado ás necesidades reais dos municipios”, para poder garantir a prestación de servizos esenciais sen depender en exceso de subvencións condicionadas.
Outros asuntos do pleno
A sesión ordinaria deste xoves 31 de xullo -19:30h- incorpora outros asuntos. O primeiro en votarse será o proxecto de reparación viaria co que se completará o orzamento dispoñible grazas ao POS+ Adicional 02 da Deputación da Coruña, que prevé un investimento de 34.000 euros en pistas de Santa Mariña e Ferreira. Ademais tamén se lle dará o visto e prace aos festivos locais do ano 2026, que volverán ser o Martes de Entroido -17 de febreiro- e o día de Santa Isabel, que cae o xoves 2 de xullo.
Na parte resolutiva da orde do día tamén vai unha moción presentada polo BNG en defensa do sistema público de atención á dependencia e a mellora do Servizo de Axuda no Fogar. Neste apartado da sesión votarase, ademais, unha proposta de declaración institucional -xa consensuada polas portavocías- reclamando accións urxentes para frear o xenocidio en Palestina.
Ao ser ordinario, o pleno tamén terá quenda final de rogos e preguntas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.