Monday 15 de September de 2025

O Festival C poboa o mes de agosto de actividades culturais de balde e para todos os públicos


Circo, danza, teatro de rúa, poesía, música, contos, maxia e cinema conforman preto dunha trintena de propostas que se espallan pola cidade. Organizado polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, o Festival C conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración de programas como Apego ou Danza a Escena do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM)

O Festival C volverá facerse coas rúas de Compostela do 4 ao 28 de agosto. A sexta edición levará a distintos espazos da cidade un regueiro de sesións de balde e para todos os públicos con circo, danza, teatro de rúa, poesía, música, contos, maxia e cinema da man de compañías e artistas galegas e visitantes para encher de creatividade as tardes e noitiñas do verán. A praza da Quintana, o parque de Bonaval, o parque de Galeras, a Casa das Máquinas e a rúa Concepción Arenal serán os principais escenarios desta nova entrega do festival.

A concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago, Míriam Louzao, e o deputado de Contratación e Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas, presentaron este martes en rolda de prensa os detalles dun programa que, en palabras de Louzao, achega á cidadanía compostelá e ás persoas visitantes “experiencias que favorecen a participación do público e que nos moven a habitar a cidade doutra maneira, favorecendo un vínculo máis íntimo co espazo público e unha relación viva coa cultura e coa contorna”.

O deputado Xosé Penas salientou tamén “a importancia cultural e patrimonial dun festival que ten unha forma de entender a cultura como un dereito para todos e todas, e como unha obriga por parte das admnistracións que temos a responsabilidade de preservar ese dereito”.

Todas as actividades son de carácter gratuíto e acceso libre agás os obradoiros de circo para a rapazada que, malia ser tamén de balde, precisarán inscrición previa no enderezo circonoveoficina@gmail.com para garantir que non se superan as prazas dispoñibles en cada sesión.

O Festival C é unha iniciativa do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura que conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración de programas como o Apego ou o circuíto Danza a Escena, do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM).

Danza no parque de Bonaval e na Casa das Máquinas

Como cada ano, o cemiterio de Bonaval converterase en escenario de excepción para dar acubillo a boa parte dos espectáculos de danza que cada luns ás 20 horas ofrecerá o Festival C. O primeiro deles chegará o propio día 4 da man do recoñecido creador Alberto Velasco. Mover montañas, unha peza de danza-teatro candidata ao mellor espectáculo de rúa nos Premios Max 2025 e distinguida co premio do xurado ao espectáculo máis anovador do XXV Festival Internacional de Valladolid, é un traballo irreverente que se rebela contra a gordofobia e normatividade dos corpos en danza, e que esculca a esencia mesma do folclore para presentalo como lugar de encontro e tránsito entre tradición e modernidade. O espectáculo foi desenvolvido dentro do programa de residencias da Compañía Nacional de Danza e coproducido por Festival TAC Valladolid e Festival Danseu.

O luns 11 será quenda para Trïade, de Colectivo Glovo, unha peza que ten como punto de partida a necesidade de xuntarse, vincularse e bailar desde o coidado e a escoita nun espazo que procure unha xenealoxía feminina, unha orde simbólica persoal e independente, inspirada pola tríade luar e a súa idea do eterno retorno —vida, morte e renacemento– nun traballo de marcado carácter ritual e de culto ás ancestras e ás raíces.

Trátase doutro espectáculo enmarcado no circuíto Danza a Escena do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM).

O Colectivo DeXeito farase co escenario o luns 18 para presentar a obra 77.000, unha creación que fai referencia ao número de toneladas verquidas polo petroleiro Prestige nas costas galegas no ano 2002 e que, a través da danza e do movemento, crea unha representación propia do suceso e das súas consecuencias. A peza convida o público a reflexionar sobre a fraxilidade do noso medio ambiente e a importancia da acción colectiva en situacións de emerxencia.

A última das representacións en Bonaval chegará o luns 25 da man da Fran Sieira compañía de danza. Un baile ceibe en comunidade é unha peza contemporánea reflexo do baile e a música tradicional que investiga a relación entre o xénero e a nosa tradición analizando como os estereotipos atravesan tamén formas culturais como o baile. A partir desa consciencia, o traballo propón establecer distancia coa normatividade e arrastrala cara ás marxes co gallo de construír novas formas de entender o corpo e o movemento en comunicación coa comunidade.

En paralelo á presentación destas pezas, entre o 11 e o 14 de agosto o Festival C abeira tamén un laboratorio de creación e movemento, promovido polo Colectivo RPM e coa participación da coreógrafa e bailarina portuguesa Tánia Carvalho. Baixo o título de Tecer o corpo, habitar a sombra, a iniciativa resultará nunha obra de creación colectiva que poderemos ver o xoves 14 de agosto ás 20.30 horas na Casa das Máquinas.

Contos no parque de Bonaval

Entre as propostas para público miúdo destácanse as sesións de Contos no parque que o programa Apego leva cada martes ás 18 horas á zona dos arcos do parque de Bonaval. A primeira delas acontecerá o día 5 da man da compañía Xarope Tulú. Lingoreteira é unha homenaxe ao ser falangueiriño que habita en cadaquén, que nos anima a sacar a lingua a pacer e consegue así que a palabra e a oralidade sigan vivas ou, cando menos, non morran de todo.

O martes 12 será ocasión para que Tropa de Trapo comparta seus Contos para nenas grandes e pequenas, unha proposta de narración oral e música en directo que achega historias de mulleres diversas arredor do poder do amor e da memoria, do bo trato entre as persoas e da igualdade entre homes e mulleres.

A seguir, o martes 19, Fran Rei e Feli Rodríguez porán Máis Saaabor! ás sesións do Apego cunha función que mestura música en directo, maxia, humor ritmo e gastronomía para ofrecer un menú ben gorentoso e variado.

E o Mago Paco pechará o ciclo o martes 26 con Ledicias, un espectáculo de maxia divertida e participativa coa que aguilloar o maxín e construír momentos que atesourar para a lembranza.

Poesía ao solpor

A nosa tradición oral e a música popular fanse coas tardiñas dos mércores cun ciclo que, ao caer do sol e baixo o título de Por que non cantades todas?, cita no paseo da ferradura da Alameda a cantareiras e padeireteiras dos colectivos tradicionais máis importantes do país para reivindicar o rol das mulleres no desenvolvemento e preservación da poesía e a expresión musical galegas.

O mércores 6 serán as cantareiras e pandeireteiras de Ultreia, o día 13 as de Brincadeira, e o día 20 as de Cantigas e Agarimos, as encargadas de pór voz e son a este ciclo que honra a tradición, a memoria e os versos da nosa terra.