Wednesday 30 de July de 2025

O Concello desexa a mellor experiencia aos 30 mozos e mozas que participarán no programa Bolsas Norteamérica 2025-2026


A alcaldesa, Inés Rey, recibiu en María Pita ás persoas participantes e as súas familias

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta martes a recepción ao alumnado participante no programa Bolsas Norteamérica 2025-26. Un total de 30 mozos e mozas farán o equivalente a primeiro de bacharelato en diferentes cidades de Canadá. A rexedora estivo acompañado por Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Sara Otero Sánchez, representante das persoas participantes, e Verónica Alejandra Palacios, unha das estudantes que participou en Canadá neste mesmo programa durante o curso 2024-25.

No salón de sesións de María Pita estiveron presentes o alumnado participante no programa e case 70 acompañantes e familiares, ademais de responsables do servizo de Educación do Concello da Coruña. As persoas participantes viaxarán o 2 de setembro os seus lugares de residencia durante o próximo curso e a súa volta á cidade será entre xuño e xullo do próximo ano.
“Este curso seredes os protagonistas dun programa educativo que hoxe forma parte xa do noso calendario educativo habitual pero que supuxo unha auténtica revolución na educación coruñesa”, sinalou Inés Rey. A rexedora desexou unha boa viaxe e experiencia ás persoas participantes: “Gozade ao máximo deste primeiro ano de Bacharelato, e non esquezades, ademais, que dende hoxe sodes embaixadores da Coruña, a nosa cidade, por un ano”, dixo.

O Concello da Coruña organiza o programa de bolsas en Norteamérica desde o ano 2004, con case un milleiro de mozos e mozas participantes no seu conxunto. Cada persoa participantes recibe 120 euros ao mes durante 10 meses. Nesta edición hai cinco participantes que, ademais, recibirán unha axuda de 400 euros para gastos de viaxe. O alumnado participante estará repartido en diferentes cidades de pequeno ou medio tamaño dos distritos escolares de Newfounland, situada no este de Canadá e integrada por Terranova e Labrador; e de Livingstone, situada no suroeste de Alberta e próximo ás Montañas Rocosas de Canadá.

Das 30 persoas seleccionadas, 25 recibirán a bolsa económica íntegra, de tal maneira que non terán que facer ningunha achega económica, cubrindo o Concello o custo total do programa. Os outros cinco estudantes deberán facer unha achega económica do 5%, o que supón 1.800 euros, cubrindo o Concello o resto dos gastos.

Os criterios establecidos para a selección dos/das participantes céntranse na cualificación media en 3º curso da ESO, a cualificación final da materia de inglés en 3º curso da ESO, a renda económica da unidade familiar e a situación sociofamiliar da persoa solicitante.

O programa “A Coruña no Mundo: Bolsas Norteamérica 2025-26” está dirixido ao alumnado de 4º da ESO dos centros educativos do municipio. O Concello destina 650.000 euros a esta iniciativa, que inclúe a estancia durante un ano académico en Canadá, convivindo cunha familia anfitrioa, a escolarización nun High School canadense, a tramitación do visado, as viaxes de ida e volta, a asistencia sanitaria e unha axuda mensual de 120 euros para manutención

Deja un comentario