
Inés Rey presidiu o acto de firma do convenio no Palacio Municipal acompañada dos socios do proxecto, cun investimento total de máis de 5,5 millóns de euros, dos que máis de 4,4 millóns serán achegados pola Unión Europea a través do FEDER
O Concello da Coruña celebrou esta mañá no Palacio Municipal o acto de presentación e firma do convenio do proxecto europeo ALLOCATE (Acelerar o liderado local mediante a informática aberta e a intelixencia artificial para o empoderamento tecnolóxico), unha iniciativa financiada no marco da Iniciativa Urbana Europea – Accións Innovadoras.
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o acto institucional no Salón Real acompañada do reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad; do presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez del Corral; do presidente de Altia Consultores, Constantino Fernández Pico; e do representante de Khora Urban Thinkers, Daniel Ayala, representantes das entidades socias do proxecto.
O proxecto ALLOCATE conta cun orzamento total de 5.521.248 euros, dos cales 4.416.998,40 euros serán achegados pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
“ALLOCATE é unha aposta pioneira por unha intelixencia artificial verde, ética e ao servizo da cidadanía. Un proxecto que nos sitúa como cidade referente na transformación dixital inclusiva e sostible”, destacou a alcaldesa.
Intelixencia artificial verde e ética para mellorar a cidade ALLOCATE promove un modelo de intelixencia artificial responsable, aliñado co Pacto Verde Europeo, o Plan Nacional de Algoritmos Verdes e a Estratexia Española de IA 2024, mediante o enfoque “Green-in & Green-by AI”:
● Green-in AI: infraestrutura de computación local distribuída e eficiente, que reutiliza recursos TIC infrautilizados para reducir o consumo enerxético e a dependencia da nube.
● Green-by AI: aplicación de algoritmos para mellorar servizos urbanos como a mobilidade, a xestión de residuos ou a atención cidadá, cunha redución prevista do 20% nas emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI).
Un novo ecosistema dixital e colaborativo
O proxecto terá un forte impacto sobre a economía local e o ecosistema tecnolóxico coruñés:
● Acceso a infraestrutura avanzada para 40 PEMES TIC, que poderán desenvolver e testar solucións de IA sen investimentos iniciais elevados.
● Formación de 100 profesionais en intelixencia artificial verde e ética, favorecendo a empregabilidade e a retención de talento.
● Creación da Comunidade Local de Computación (LCC), un espazo de colaboración entre administración, empresas, universidade e cidadanía, que se situará na Cidade das TIC.
Este modelo reforza o papel da Coruña como nodo estratéxico da innovación dixital en Europa, especialmente tras a designación da cidade como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA).
Gobernanza urbana baseada en datos e participación cidadá ALLOCATE aposta por unha gobernanza pública baseada na evidencia, con procesos participativos e tecnoloxía centrada nas persoas:
● Uso de datos urbanos en tempo real para optimizar a toma de decisións nos servizos municipais.
● Cocreación de solucións con PEMES, provedores de servizos e cidadanía.
● Avaliación ética e regulatoria dos algoritmos, conforme ao novo Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial.
O proxecto desenvolverase entre o 1 de outubro de 2025 e o 31 de marzo de 2029, cunha duración total de 42 meses. O Concello da Coruña exercerá como Autoridade Urbana Principal, liderando un consorcio multidisciplinar que traballará para situar a cidade como referente europeo en gobernanza dixital, innovación ética e transformación urbana sostible.
“Este proxecto sitúa A Coruña á vangarda das políticas urbanas intelixentes e sostibles en Europa. É unha oportunidade para poñer a tecnoloxía ao servizo do ben común”, concluíu Inés Rey.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.