
A proba está organizada polo Concello de San Sadurniño e o club MTB Biela e Chaveta
O prazo de inscrición remata ás 14:00h deste domingo 3 de agosto
Tralo éxito de participantes colleitado o ano pasado, o Concello de San Sadurniño e Biela e Chaveta volven organizar neste 2024 a Cronoescalada San Rockeira, que terá lugar en Naraío o venres 8 de agosto, primeiro día das festas do San Roque. As inscricións para a cita ciclista están abertas desde hai varias semanas a través da páxina emesports.es. O último día para apuntarse -5€- é este domingo 3 de agosto ás 14:00h… a menos que se esgoten antes as 125 prazas dispoñibles. E en setembro, o día 19, tamén teremos unha BTT nocturna.
A cronoescalada Sanrockeira 2025 volverá estar dividida en dúas modalidades, unha para bicicletas de estrada e outra para BTT, e dúas categorías en cada unha: Absoluta -18 a 49 anos- e Máster 50 -de 50 anos en diante-. En ambos apartados haberá que completar un percorrido de 3,4 quilómetros de distancia que comezará no campo da festa de Naraío e que despois continuará polos lugares do Eirexado, Correlo, o Cerdeirido, a Cernada -polo camiño novo-, Lourido e, finalmente, o lugar de Quintiá.
A saída para a primeira persoa participante darase ás 18:00h e a partir de aí irán arrancando individualmente cada 60 segundos. Todas terán por diante un auténtico desafío crebapernas con 468 metros de desnivel positivo, a maior parte deles concentrados no último quilómetro. Algo asumible para calquera ciclista con certa práctica, aínda que ben é certo que os mellores tempos estarán reservados para quen xa teña moita experiencia e adestramento.
Os primeiros mil metros, entre o Eirexado e a Cernada (polo camiño novo de Lourido) teñen escasa dificultade, con costas suaves, algún segmento chan e incluso algunha baixada. Da Cernada en diante, faltando aínda 2,4 km para a meta, a cousa vólvese máis dura cun ascenso ininterrompido ata practicamente o final no que só se atopan dous breves momentos de folgo: uns raquíticos vinte metros case chans ao entrar en Lourido e os 400 metros previos á chegada, que lle ofrecen a quen aínda conserve azos a oportunidade de botar un sprint para rabuñar algúns segundos no crono.
A Sanrockeira é unha proba ben apetecible para calquera amante do ciclismo. En tan só dúas edicións -esta é a terceira- conseguiu meterse entre as probas de referencia do calendario amador. Ante a expectativa de que haxa unha alta demanda de inscricións, a organización decidiu este ano ampliar as prazas a 125 e, ademais, incluiu o prezo pouco menos que simbólico de 5€ para sufragar os custes do seguro e da cronometraxe, que se fará con chip.
As prazas na cronoescalada irán asignándose por orde de solicitude a través da web emesports.es ata completar o cupo, mentres que os postos de saída se distribuirán segundo a orde de chegada e retirada do dorsal. O último día para anotarse é este domingo 3 de agosto ás 14:00h, a menos que se complete antes o tope de participantes fixado pola organización.
A cita está organizada polo Concello e o club MTB Biela e Chaveta coa colaboración da comisión de festas de Naraío, que celebra o San Roque na noite do venres 8 -día da Sanrockeira-, o sábabado 9 e o mediodía do domingo 10 de agosto.
BTT nocturna en setembro
A outra cita ciclista que temos en axenda é unha ruta BTT nocturna o venres 19 de setembro a partir das 21:00h con saída e chegada no CPI de San Sadurniño. Neste caso serán 21 quilómetros de baixa dificultade por pistas, camiños e corredoiras do concello.
Ofértanse un máximo de 125 prazas, que se poderán reservar de balde ata as 14:00h do 17 de setembro a través deste formulario.
Inscrición na III Cronoescalada Sanrockeira
Enlace de descarga do vídeo promocional da proba
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.