
Esta mañá, o Concello habilitou o percorrido tras completar as tarefas de sinalización, pintado e activación da rede semafórica
A primeira hora desta mañá habilitouse a nova conexión entre as rúas Paio Gómez e Modesta Goicouría, unha medida coa que o Concello busca facilitar o paso do tráfico rodado desde a praza de Pontevedra ao paseo marítimo, e, desta forma, aliviar os fluxos de tránsito na contorna da praza de Mina e Juana de Vega.
Esta intervención esixiu, en primeira instancia, executar unha pequena remodelación no illote central da praza de Pontevedra, necesaria para abrir un novo carril de circulación e permitir a incorporación de vehículos desde o túnel da praza de Lugo e Paio Gómez.
“Estes traballos de reurbanización remataron días atrás, mais tamén era preciso completar as últimas tarefas de sinalización, pintado e activación da rede semafórica, como paso previo a autorizar a circulación por este novo percorrido con todas as garantías de seguridade” razoou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
Estas actuacións remataron este martes pola mañá, polo que o paso xa está habilitado.
Modesta Goicouría manterá o dobre sentido actual
Noemí Díaz lembrou que esta iniciativa chega despois de que os servizos municipais estudasen os fluxos de mobilidade na zona co obxectivo de facer máis permeable o acceso de vehículos ao paseo marítimo atendendo á necesidade de desconxestionar Juana de Vega, especialmente no contexto actual, ao abeiro do desenvolvemento das obras de remodelación dos Cantóns.
Agora, coa apertura desta nova conexión no Ensanche, os vehículos que saian desde o túnel da praza de Lugo e Paio Gómez, así como os que cheguen á praza de Pontevedra desde a rúa de San Andrés, poderán aproveitar o novo acceso a través de Modesta Goicouría, que terá dobre sentido, para chegar ao paseo marítimo.
O outro carril de Modesta Goicouría, en sentido de entrada desde a avenida Pedro Barrié de la Maza, é o que xa actualmente permite o acceso de vehículos á praza de Pontevedra desde o paseo marítimo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.