Tuesday 29 de July de 2025

Neda presenta o cartel anunciador da súa 35 Festa do Pan


A emblemática cita gastronómica celebrarase o 7 de setembro

Xa hai cartel oficial para a 35 edición da Festa do Pan de Neda, que se celebrará, como sempre, o primeiro domingo de setembro (día 7). Por terceiro ano consecutivo, o deseñador gráfico “Juanlu Nacha” é o autor da imaxe, que servirá para promocionar a emblemática cita gastronómica, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia dende hai máis dunha década.

Responsables dalgunhas das panaderías que participarán ou que colaborarán no evento – Evangelina Barros, Carlos López, Cristina Castro e Carmen Romero- veñen de presentar, xunto ao alcalde, Ángel Alvariño, e máis a concelleira de Cultura e Turismo, Marián Bello, a obra do citado artista ferrolán Juan Luis Fernández (“Juanlu Nacha”).

Desta volta, a proposta pon o foco na importancia capital que, dende sempre, teñen as mulleres nedenses neste sector clave na economía local. Mulleres que, en moitos casos, estiveron e están ao fronte do negocios e que teñen asumido todo tipo de tarefas nos fornos locais, dende a dirección ao traballo no obrador ou a venda e reparto de pan por toda a comarca.

Na cita, que neste 2025 coincide coa celebración da Santa María, participarán con postos de venda La Nueva, Panificadora Germán, Santa Rita e Paky, ademais o certame contará coa colaboración das panaderías La Gallega, Modesto Hermida e J. Castro Hermanos. Ao longo das próximas semanas o Concello debullará a programación especial da festa, destinada a promocionar a variedade e calidade do produto estrela da gastronomía da localidade.

Deja un comentario