Tuesday 29 de July de 2025

O Concello de Fene leva a Familia Caamagno ao Festival Felicia Pop


A piques de comezar o Festival Felicia Pop, que organiza a AC Felicia, a Concellería de Cultura coa colaboración do programa Cultura no Camiño (Agadic-Xunta de Galicia), anuncia para este sábado, 2 de agosto, un concerto de Familia Caamagno. O espectáculo, no que presentarán “O mundo está derrotado”, comezará no Parque da Hortiña ás13.30 horas, con entrada libre e de balde.

O mundo está derrotado” é un disco nostálxico, cómico e político a partes iguais. Un disco que nace froito dunha situación excepcional, e que mira cunha risa nerviosa todas esas noticias de inflacións, guerras e cambios climáticos.

O disco comeza co “Xuntos” de Juan Pardo (1987) e remata con “O día que Fraga finou” inspirada no “The Day that Tatcher dies” de Hefner (2000) Polo medio a década dos 90 e as visións dun futuro distópico que xa pasou e que se repite unha e outra vez.

“O mundo está derrotado” está producido e gravado por Carlos Hernández nos estudios “El Castillo Alemán” entre outubro, febreiro e maio de 2022.

Familia Caamagno é unha banda ben coñecida no panorama musical galego que navega desde os confíns do garaxe ate o power pop e o rock & roll máis delicado. Estes furibundos “xa non tan rapaces” de Sigüeiro, veñen de rematar a presentación do seu último LP, “O mundo está derrotado”.

Calquera que vise un directo de Familia Caamagno pode dar fe da intensidade, o baile e a catarse ao que se somete o público mentres se suceden, bailes imposibles, coros anxelicais e verdadeiros himnos do rock e pop galego dos nosos días.

Fontes próximas á banda aseguran que está a piques de presentar novo material, producido e gravado coma nas últimas ocasións por Carlos Hernández (Los Planetas, Los Enemigos, Carolina Durante, Airbag…).

Deja un comentario