
Os micrófonos de Radio Oleiros foron testemuña esta mañá dos problemas que ten a mocidade oleirense que precisa desprazarase á Universidade ou aos centros de formación profesional e que, neste momento, non dispoñen de servizo de transporte público directo. A Xunta de Galicia négase a atender a petición realizada polo Concello o pasado mes de novembro para crear unha liña directa cos campus universitarios desde Perillo, por onde pasan todos os buses que circulan por Oleiros.
No faladoiro, moderado por Nerea Rodríguez, participaron tres estudantes que puxeron voz á súa realidade diaria: traxectos de máis de dúas horas, escasa frecuencia de buses, incerteza nos horarios e mesmo a imposibilidade de chegar puntualmente a clase. A demanda é clara: un transporte público digno, accesible e adaptado ás súas necesidades. “Hai que falar de verdade coa xente que o está vivindo e non resumilo á xente que dispón dun coche, xa que os xóvenes non están nese caso”, apuntou Lara Fernández, veciña de San Pedro de Nós.
Pola súa banda, Jaime Gandoy, estudante de Educación Infantil e de Perillo, destacou o impacto económico desta situación: “Non todo o mundo ten acceso ó carné, xa que custa moitos cartos. Unha liña de transporte público ós campus facilitaría moitísimo as cousas.”
Gabriel Rodríguez, estudante de Fisioterapia e veciño de Fornos, recoñeceu que tamén se viu “afectado pola pouca asiduidade das liñas” e a incompatibilidade coas horas de entrada e saída das aulas.
Hoxe por hoxe, a mocidade de Oleiros segue dependendo do coche privado, de familiares ou de compañeiros para poder acceder aos seus estudos, soportando desprazamentos longos e servizos que non cobren as súas necesidades reais.
ESCOITAR O PROGRAMA: https://www.ivoox.com/outra-mirada-28-7-25-p1-audios-mp3_rf_154007130_1.html
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.