Tuesday 29 de July de 2025

Belen do Campo visita Íntegro en Cabana de Bergantiños para poñer en valor o seu labor pola inclusión das persoas con diversidade funcional na Costa da Morte


A delegada da Xunta destacou o apoio que recibe esta entidade de case 500.000 euros a través das Consellerías de Emprego, Comercio e Emigración, da de Cultura, Lingua e Xuventude e da de Política Social e Igualdade para garantir o óptimo funcionamento desta entidade

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, e polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitou, esta mañá, as instalacións da asociación Íntegro, unha entidade sen ánimo de lucro que desde o ano 1992 traballa pola inclusión social das persoas con diversidade funcional na comarca da Costa da Morte, que conta cun centro de día ocupacional e un centro especial de emprego.

Durante a visita, a delegada destacou o compromiso e a traxectoria da entidade, pioneira na posta en marcha de programas e actividades orientadas á mellora da calidade de vida, autonomía e inclusión sociolaboral das persoas con diversidade funcional.

No encontro trasladoulles o compromiso de seguir mantendo o apoio que esta asociación recibe, a través das Consellerías de Emprego, Comercio e Emigración, da de Cultura, Lingua e Xuventude e da de Política Social e Igualdade, de preto de 500.000 euros, no ano 2025, a través das diferentes ordes de axudas abertas polo Goberno galego para atender as necesidades dos que más o necesitan.

Concretamente, a través da Consellería de Emprego, a asociación conta cunha axuda do programa de incentivos á contratación por conta allea de persoas mozas, así como unha subvención para o mantemento do custo salarial das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego, ambas correspondentes ao exercicio 2025.

Por outra banda, a entidade tamén é beneficiaria, este ano, de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través do programa Iniciativa Xove destinado a fomentar e consolidar a participación libre da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como apoiar a empregabilidade e o cooperativismo.

No eido do voluntariado, Íntegro tamén recibe achegas para entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado. A esta axuda súmanse outra subvención para o desenvolvemento de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural, enmarcados no proxecto piloto Talento Interxeracional, financiado pola Unión Europea. Ademais, a entidade conta con outros fondos adicionais enmarcados no programa de servizo de voluntariado xuvenil.

Belén do Campo tamén lembrou a importante colaboración da Consellería de Política Social no 2025, mediante o convenio e a orde de IRPF con cargo á asignación tributaria do 0,7 %, destinada ao mantemento das súas prazas concertadas no centro de día e no centro ocupacional, máis de 400.000 euros para financiar 30 prazas. Ademais, grazas á dirección xeral de Igualdade contan cun Punto de Intervención á muller con diversidade funcional para o asesoramento e atención ás mulleres no rural en situación de especial vulnerabilidade.

A delegada da Xunta puxo en valor o traballo diario da entidade e subliñou que “desde a Xunta seguiremos a apoiar proxectos como Íntegro, que son exemplo de inclusión, compromiso e innovación social.”

A visita rematou cun percorrido polas instalacións e un encontro con parte do equipo técnico, que compartiron experiencias e proxectos de futuro.

Deja un comentario