Tuesday 29 de July de 2025

O pleno pronunciarase o xoves sobre os festivos locais do ano 2026


Tamén se abordará a aprobación definitiva do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións do Medio Rural promovido pola Fundación Galicia Sustentable.

Este xoves celebrarase o Pleno ordinario correspondente ao mes de xullo. Os asuntos que serán elevados á sesión foron sometidos hoxe a ditame da Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno.

Unha das cuestións é a aprobación definitiva do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións do Medio Rural impulsado en Montemaior pola Fundación Galicia Sustentable, organización sen ánimo de lucro. O seu ámbito de aplicación abarca dúas parcelas catastrais de titularidade privada que suman unha superficie total de 45.038 metros cadrados, emprazadas no Igrexario desa parroquia. O obxecto do Plan Especial é a ordenación detallada do ámbito e a concreción dos seus usos que permitan destinalo á implantación dunha dotación multifuncional dedicada á investigación para a protección e recuperación de espazos de valor ambiental que sexa referente para a prosperidade do medio rural.

Outro dos temas é a proposta de festivos locais para o ano 2026, que como é habitual está previsto fixalos no Martes de Entroido (17 de febreiro) e na Romaría dos Milagres de Caión (8 de setembro).

E tamén se elevará ao Pleno a incoación de expedientes de investigación de titularidade nun total de 22 camiños co propósito de facer constar con suficiente detalle as mencións necesarias para a súa identificación e, nos que resulte preciso, reflectir a situación xurídica e destino de uso ao que están sendo dedicados.

Deja un comentario