Tuesday 29 de July de 2025

Luz verde á modificación de crédito para destinar fondos á reposición da pasarela do Belelle e licitar varios servizos


O Concello de Neda aprobou inicialmente este mediodía o expediente de modificación de crédito, con cargo ao remanente líquido de tesourería, por importe de 383.200 euros. O obxectivo fundamental non é outro que suplementar partidas destinadas a facer fronte a determinados servizos, en cuxa contratación se está a traballar, e impulsar novas actuacións. Este é o caso, por exemplo, da reposición da pasarela do Belelle na zona de Subarreiros.

A proposta elevada ao pleno polo goberno municipal permitirá avanzar na materialización desta intervención tan esperada. Así, a administración local disporá de crédito suficiente (23.000 euros) para aboar tanto os traballos de redacción do proxecto como, unha vez que se adxudique, asumir os gastos da dirección de obra.
En paralelo, amplíase a partida para infraestruturas e bens de uso xeral con 40.000 euros para facer fronte ao 20% da execución desta intervención, que cofinanciará a Deputación da Coruña, e incluirá, ademais da restitución da ponte peonil, a posta a punto do paseo marítimo.

O expediente iniciado permitirá ademais aumentar os fondos dispoñibles para a realización de obras de reposición de vías públicas, saneamentos, melloras de abastecemento; así como para completar, de forma definitiva, a renovación da Casa da Cultura.
Con todo, o groso do expediente ten que ver coas licitacións (máis de 100.000), coas correspondente actualización dos costes, tanto do contratos de prestación das escolas deportivas, culturais e de benestar; como, fundamentalmente, da limpeza da totalidade dos edificios municipais e instalacións municipais.

A modificación de crédito saíu adiante coa maioría absoluta do PSOE, absténdose os catro edís da oposición que asistiron á sesión.
Renuncia edil Moveneda

O desta mañá foi o último pleno de Carlos Caaveiro como concelleiro de Moveneda. O pleno tomaba en consideración a renuncia do que foi candidato deste movemento local nas eleccións do 2023. Caaveiro entrou no Concello na lexislatura 2015- 2019, e durante a pasada se incorporou tras a dimisión de Juan Carlos Pita. O seu posto será ocupado por Neiva Tristao Oliani, número catro na candidatura presentada nos últimos comicios, tras a renuncia das dúas persoas que ían por diante na lista.

Deja un comentario