
O Grupo Municipal Socialista denuncia a falta de iniciativa do Goberno de Goretti Sanmartín para impulsar o solo industrial en Santiago, mentres a Xunta acumula retrasos e a cidade perde oportunidades para atraer investimentos e xerar emprego.
O Grupo Municipal Socialista presentou para o pleno de xullo unha proposición para impulsar con urxencia o solo industrial en Santiago.
A concelleira socialista, Marta Abal, alertou de que os prazos anunciados pola Xunta para a ampliación do Polígono da Sionlla non se están cumprindo e reclamou máis ambición para garantir o desenvolvemento económico da cidade, “no mes de abril de 2024, a Xunta de Galicia anunciaba que avanzaba na ampliación do polígono da Sionlla no ámbito do SUD-29, coa previsión de sacar a licitación as novas parcelas e licitar a urbanización a finais do ano 2025” lembrou.
Sen embargo, advertiu que “a día de hoxe nada se sabe da aprobación por parte da Xunta de Galicia do instrumento de ordenación deste ámbito empresarial, paso previo á licitación das novas parcelas e á súa urbanización, polo que dificilmente se poderán cumprir as previsións da Xunta de Galicia”.
Abal sinalou ademais que “a ampliación do solo empresarial a través do SUD-29, con algo máis de 400.000 metros cadrados, resulta insuficiente para avanzar no desenvolvemento empresarial e industrial de Santiago de Compostela e, en última instancia, diversificar a nosa economía e tecido produtivo”.
“É urxente que tanto o Concello de Santiago como a Xunta de Galicia se poñan as pilas e traballen na ampliación do solo industrial en Santiago de Compostela para así atraer investimentos e crear emprego”, insistiu.
Por iso, a proposición socialista recolle dous acordos clave: Instar á Xunta de Galicia a acelerar a tramitación do instrumento de ordenación e a execución da ampliación da Sionlla, en coordinación co Concello e o tecido empresarial, e constituír, nun prazo de seis meses, unha comisión técnica conxunta entre Xunta e Concello para planificar novas áreas industriais, como a zona fronte a FINSA.
Abal sinala que a proposición presentada polos socialistas “é unha oportunidade para que a señora Sanmartín asuma un compromiso real co desenvolvemento económico da cidade”.
Para concluír a concelleira socialista asegurou que “se Santiago quere competir como cidade industrial, o Goberno municipal debe actuar e liderar, e a Xunta debe cumprir co seu compromiso e axilizar xa os trámites”, para Abal a cidade “non pode quedar atrás” e asegura que é o momento de actuar.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.