
O Plan de Barrios 2025–2027 contempla máis de 330 actuacións nunha estratexia en dúas fases que chega a todos os distritos e prioriza a cohesión social, a accesibilidade e a sustentabilidade
A partir do mes de setembro a alcaldesa presentará o documento detalladamente nos diferentes distritos, co obxectivo de resolver dúbidas
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá acompañada polo seu equpo de Goberno o Plan de Barrios 2025–2027, unha folla de ruta estratéxica que marca as prioridades de investimento nos dez distritos da cidade e que supón a maior intervención en materia urbana das últimas décadas. O plan contempla máis de 330 actuacións e un investimento total de 125,3 millóns de euros, co obxectivo de construír unha cidade máis cohesionada, accesible e sostible.
O Plan de Barrios é un documento estratéxico que, en palabras da alcaldesa, “servirá de folla de ruta na planificación urbana da nosa cidade. Un documento que nace da vontade firme deste goberno de planificar con criterio, con visión a medio prazo e coas necesidades reais dos coruñeses e coruñesas como prioridade”. Estrutúrase arredor de cinco grandes ámbitos de actuación:
● Humanización e rexeneración urbana (45 millóns €): reurbanización integral de rúas, eliminación de barreiras arquitectónicas, accesibilidade universal e recuperación de espazos públicos.
● Parques infantís e zonas verdes (12 millóns €): creación e renovación de áreas de xogo infantil e intervencións en espazos naturais e urbanos para o lecer e a sustentabilidade.
● Equipamentos e dotacións públicas (28 millóns €): mellora de centros cívicos, instalacións deportivas e culturais, e dotación de novas infraestruturas en barrios con carencias históricas.
● Mellora de espazos públicos e mobilidade sostible (15 millóns €): fomento do transporte público, novas estacións de BiciCoruña, calmado de tráfico e itinerarios seguros para peóns e bicicletas.
● Infraestruturas e renovación urbana transversal (25 millóns €): modernización de servizos básicos como iluminación, pavimentos, redes e infraestruturas urbanas.
Así mesmo, estrutúrase en dúas fases: a primeira abrangue o período entre 2025 e abril de 2027; e a segunda desenvolverase de maio de 2027 a decembro de 2028, pensada para continuar e consolidar os compromisos adquiridos e incorporar novas actuacións. Segundo explicou Inés Rey, “falamos de máis de 330 actuacións repartidas por toda a cidade en cinco grandes ámbitos de actuación e cun investimento total de 125 millóns de euros”, detallando que estas áreas inclúen a humanización e rexeneración urbana, parques infantís e zonas verdes, equipamentos públicos, mobilidade sostible e infraestruturas transversais.
A alcaldesa subliñou que “non é un documento pechado senón unha planificación construída a partir das análises dos equipos municipais e tamén das achegas e demandas que fomos recollendo durante meses a través dos encontros coas asociacións veciñais, cos colectivos culturais, deportivos e sociais, e tamén de moitas persoas que nos fixeron chegar as súas propostas”.
“O plan financiase cos orzamentos 2025, cos remanentes de anos anteriores e con fondos europeos como o Next Generation ou outras axudas europeas; son 125 millóns de euros que se investirán entre 2025 e 2027, cun financiamento plurianual”, explicou a rexedora. Durante a súa intervención, a alcaldesa sinalou que “a nosa idea é enriquecelo mediante o diálogo directo cos veciños e veciñas dos barrios”, motivo polo cal, “a partir de setembro, este goberno iniciará unha rolda de encontros nos diferentes distritos para dar a coñecer o documento en detalle, explicar cada proposta, recoller suxestións e facer partícipe á veciñanza da súa propia transformación”.
Inés Rey tamén quixo destacar o carácter integrador do plan, indicando que “chega a todos os barrios con intervencións moi destacadas nos Mallos, Agra do Orzán e Monte Alto, cun importante volume de humanización e renovación de espazos públicos; en Eirís, Novo Mesoiro e Matogrande, cun impulso aos equipamentos e dotacións; en Palavea, Elviña e Feáns, onde se reforzarán os servizos e infraestruturas básicas; ou na zona centro e Ensanche, con actuacións de mellora do espazo urbano en clave sustentable”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.