Monday 28 de July de 2025

Neda recibe o xoves a visita da food truck de “Máis saaabor”


Comedia, música, e maxia son os ingredientes deste espectáculo infantil

Nova entrega do programa municipal de lecer ao aire libre “Miúdo verán. Cultura en familia”. Este xoves á tardiña chega a Neda o espectáculo teatral “Máis saaabor…”, unha comedia destinada ao público infantil e familiar ao redor do mundo da gastronomía e da alimentación saudable.

O parque do Principiño será o escenario, a partir das 20 horas, desta proposta, que coproducen Culturactiva Sociedade Cooperativa e Félix Rodríguez, e dirixe Avelino González. No espectáculo se mesturan música en directo, xogos de maxia, humor, moito ritmo e a participación do público.

Dous chefs de excepción -Félix Rodríguez e Fran Rei- viaxan nesta singular food truck, que propón unha visita cómica ao mundo dos fogóns para promover o achegamento do público infantil á cociña, a alimentación saudable e o consumo de produtos de proximidade.
A proposta chega a Neda, no marco do programa Cultura no Camiño, co que o Agadic busca contribuír á dinamización cultural das localidades polas que pasan as diferentes rutas xacobeas nos meses de maior afluencia de peregrinos e visitantes.

Deja un comentario