
Esta medida lévase a cabo despois de que os servizos municipais estudasen os fluxos de mobilidade das liñas 3 e 7, que variaron o seu percorrido tras a reurbanización da rúa San Andrés
O Concello habilitará nos vindeiros días unha nova parada de transporte urbano ao longo da rúa Notariado, no barrio do Ensanche. Desta medida informou esta mañá a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, despois de que os servizos municipais estudasen as posibilidades existentes ao respecto.
Esta medida adóptase despois de que se examinasen os fluxos de mobilidade derivados dos cambios de trazado das liñas 3 e 7 do servizo de autobuses urbanos, por mor da reurbanización de San Andrés. Dado que ambas as liñas gañaron percorrido polas rúas do Ensanche, o Goberno de Inés Rey optou por delimitar unha nova parada que lles dea servizo ás persoas usuarias que teñen nesta zona da cidade o seu punto de saída ou destino.
A parada estará situada no lateral do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que dá á rúa Notariado, onde se delimitará unha superficie de 18 metros de longo que será visible co pintado da sinalización horizontal, que se executará nos vindeiros días. Ademais, tamén se instalará o poste informativo das liñas que fan parada neste punto do Ensanche, co correspondente mapa do servizo.
“Seguimos traballando para adaptarmos o mapa do transporte urbano á nova realidade da cidade. No caso da nova parada que se delimitará na rúa Notariado, habilítase mentres non se defina o percorrido definitivo das liñas, que se veu modificado polas últimas intervencións en San Andrés e os Cantóns”, razoou Díaz.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.