
A parroquia de Aguiño viviu esta fin de semana unha nova edición da súa xa consolidada Festa do Percebe, que celebrou o seu 26º aniversario cunha gran afluencia de público, o reparto de arredor dunha tonelada de produto e emotivos recoñecementos a protagonistas desta tradición mariñeira.
O evento, organizado pola Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño en colaboración co Concello de Ribeira, foi unha auténtica exaltación dun dos produtos máis apreciados da costa galega: o percebe. Unha vez máis, o sabor, a calidade e o traballo das mariscadoras e mariscadores locais foron o centro de todas as atencións.
Durante o acto oficial, o alcalde de Ribeira, acompañado de membros da Corporación Municipal, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, representantes da confraría e da veciñanza, puxo en valor o legado mariñeiro da parroquia e a importancia deste evento, que é Festa de Interese Turístico de Galicia.
“Falarmos do percebe de Aguiño é falarmos dun produto que nace do mar e do esforzo humano. É resultado da dedicación, do saber transmitido de xeración en xeración e da riqueza do noso ecosistema costeiro”, declarou o alcalde no seu discurso.
Barral lembrou como a Corporación Municipal por unanimidade entregou a Medalla de Ouro de Ribeira á Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño, en recoñecemento ao seu compromiso constante coa sustentabilidade, a calidade do produto e a defensa do medio mariño. O alcalde subliñou:
“Síntome profundamente orgulloso de poder recoñecer publicamente o traballo desta confraría. Levan un século contribuíndo ao desenvolvemento de Aguiño sen perder de vista a esencia mariñeira que nos define como pobo”.
Tamén foron homenaxeados os Percebeiros de Honra deste ano. Por unha banda, José Luis Torres Colomer, alcalde de Ribeira entre 1991 e
2011, foi distinguido pola súa contribución ao impulso da festa durante os seus anos de goberno. O galarón foi entregado polo primeiro tenente de alcalde Vicente Mariño, o patrón maior José Antonio Santamaria e o alcalde. Colomer na súa intervención repasou a historia do nacemento da propia festa, “alá polo ano 97 chegaba ao Concello o Patrón Maior neses tempos, Andrés Monteagudo para propoñer a Festa do Percebe de Aguiño que dende aquela é unha realidade ata o día de hoxe grazas o esforzo e cariño de todos”.
“Grazas ao seu traballo, esta festa chegou a bo porto. Hoxe é un referente turístico e gastronómico en toda Galicia”, destacou o alcalde .
O outro recoñecemento foi para o Club de Xubilados de Aguiño e Carreira, entidade que xogou un papel na consolidación da confraría local, así como na dinamización da vida das persoas maiores. O galardón foi entregado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro Ángeles Vázquez, o patrón maior e o alcalde. “Son unha referencia de traballo silencioso pero constante. Grazas ao seu apoio e implicación, a tradición mariñeira mantívose viva xeración tras xeración”.
O rexedor quixo tamén agradecer a presenza da veciñanza e visitantes, e comprometeuse a seguir apoiando esta celebración: “Desde o Concello seguiremos impulsando a Festa do Percebe con recursos e apoio institucional, porque temos orgullo do que somos e do que producimos”, concluíu.
A festa pechou cun ambiente festivo e familiar, onde a gastronomía, a música e o mar foron os protagonistas. O percebe de Aguiño, cun sabor único e recoñecido dentro e fóra de Galicia, volveu demostrar por que é símbolo de identidade e de futuro para toda a parroquia.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.