Monday 28 de July de 2025

O Concello despide aos 32 estudantes becados do programa ‘Idiomas do Mundo 2025’


O alumnado realizará un mes de inmersión lingüística en Irlanda con estadía en familias e formación en inglés oral, dentro dunha iniciativa municipal con financiamento íntegro e criterios de equidade social

O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, despediu este domingo ao grupo de 32 estudantes de 1.º de Bacharelato que participarán nun curso de inmersión lingüística en Irlanda dentro do programa municipal Idiomas do Mundo 2025.

O acto tivo lugar no Monte de San Pedro, desde onde partiu o alumnado seleccionado para desenvolver unha estadía de catro semanas na cidade de Kilkenny, do 27 de xullo ao 24 de agosto. Alí convivirán con familias anfitrioas e asistirán a clases centradas na práctica oral do inglés, combinadas con actividades culturais, deportivas e excursións a distintos puntos do país.

Durante a despedida, o concelleiro trasladou ao grupo o apoio da cidade e animounos a “aproveitar esta oportunidade ao máximo, tanto para o perfeccionamento do idioma como para crecer en experiencias vitais nun contexto internacional”.

O programa está integramente financiado polo Concello da Coruña, cun orzamento próximo aos 150.000 euros. A achega municipal cobre entre o 100 % e o 65 % do custo total da praza, segundo os ingresos familiares, garantindo así o acceso en condicións de equidade.
Inclúe os gastos de desprazamento, formación, aloxamento, actividades complementarias, acompañamento de monitores e seguro.
Para optar á convocatoria, o alumnado debía estar matriculado en 1.º de Bacharelato nun centro educativo da cidade no curso 2024-2025, ter unha nota media mínima de 6 en 4.º da ESO, superar todas as materias e acadar polo menos un 7 na materia de inglés.

O programa ‘Idiomas do Mundo’ busca fomentar o dominio do inglés, a apertura intercultural e a igualdade de oportunidades no acceso á formación internacional. Ao remate da estadía, o alumnado recibirá un certificado oficial do nivel lingüístico acadado segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL).

Esta iniciativa forma parte das políticas de apoio á mocidade e á educación internacional impulsadas polo Goberno de Inés Rey, co obxectivo de ampliar as oportunidades formativas da mocidade coruñesa e contribuír ao seu desenvolvemento persoal e académico.

Deja un comentario