
A Coruña reafírmase como capital musical do verán con máis de 350.000 persoas participando nos principais eventos culturais de xuño e xullo
A cidade da Coruña vén de vivir unha das edicións máis exitosas do Morriña Fest, que reuniu esta fin de semana amáis de 30.000 persoas no peirao de Batería. A cita consolidouse como un dos grandes festivais musicais do verán en Galicia, cun cartel plural e internacional que combinou artistas consagrados e novas propostas emerxentes.
Durante dúas xornadas, nomes como Nathy Peluso, Ozuna, Recycled J, Duncan Dhu, Miss Caffeina ou Elena Rose fixeron vibrar un recinto que presentou un ambiente excepcional, sen incidencias reseñables e cunha gran resposta por parte do público local e visitante. A diversidade de estilos, a calidade técnica das actuacións e a loxística impecable volveron situar ao Morriña Fest como unha referencia no circuíto estatal.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, puxo en valor “a capacidade organizativa, o atractivo da cidade e a fortaleza da nosa programación cultural, que este verán está a superar todas as expectativas”. Subliñou tamén o papel do festival como “motor de dinamización económica, turística e social”.
O evento complementouse cunha sesión vermú nos Xardíns de Méndez Núñez e cunha potente programación paralela en diferentes puntos da cidade, nun modelo de festival urbano integrado e accesible.
Un verán con música, cultura e cidade viva
A celebración do Morriña Fest enmárcase dentro dunha axenda cultural de verán que xa superou as 350.000 persoas participantes entre xuño e xullo, segundo os datos recollidos polo Concello da Coruña. Unha cifra histórica que confirma a gran acollida da programación estival, cunha combinación de concertos, festivais, actividades culturais e eventos populares como a noite de San Xoan, que consolidan o verán coruñés como unha das grandes propostas culturais de Galicia.
A alta ocupación hostaleira e o impacto positivo no comercio e na restauración ratifican a aposta do Goberno municipal por unha cultura de calidade, diversa e aberta á participación.
A programación continuará agora co arranque das Festas de María Pita e o Festival Noroeste Estrella Galicia, que manterán á Coruña no epicentro cultural nas próximas semanas.
“Estamos a vivir un verán excepcional, e isto é froito dunha planificación rigorosa e dunha aposta decidida pola cultura como motor de cidade. A Coruña está a responder e a desfrutar”, concluíu Inés Rey.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.