Monday 28 de July de 2025

A Xunta de Galicia blinda o reforzo das axudas ao profesorado para gastos de formación


— Poden presentarse solicitudes ata o 30 de setembro con contías que van dos 200 aos 750 euros en función do lugar da actividade: Galicia, España ou o estranxeiro

— A Consellería de Educación duplicou o curso pasado esta partida en cumprimento do Acordo de mellora asinado coas organizacións sindicais CCOO, Anpe e UGT

A Xunta de Galicia aposta pola mellora continua da formación do profesorado como clave para un ensino de calidade. Con este obxectivo, mantén o reforzo das axudas aos docentes, cun investimento de 200.000€, ademais de ofertarlles unha ampla oferta de actividades no Plan de formación que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP deseña cada curso escolar.

A través desta convocatoria, actualmente aberta para os posibles interesados, o persoal docente poderá solicitar apoio económico para participar en accións formativas realizadas tanto en Galicia como noutras comunidades autónomas ou no estranxeiro.
Esta iniciativa, cuxa partida económica se duplicou o curso pasado en cumprimento do Acordo para a mellora do ensino asinado coas organizacións sindicais CCOO, Anpe e UGT, ten como obxectivo reforzar a capacitación profesional do profesorado, impulsar a reflexión crítica sobre a súa práctica e promover actitudes orientadas á innovación educativa. Deste xeito, desde a Consellería procúrase incentivar propostas formativas individuais que revertan positivamente no sistema educativo no seu conxunto.

As axudas cobren actividades desenvolvidas entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro deste ano e están dirixidas tanto ao persoal funcionario de carreira como a docentes en prácticas, interinos e substitutos, sempre que cumpran os requisitos da convocatoria.
Áreas de formación prioritarias

As accións subvencionables deben estar directamente vinculadas a áreas prioritarias como igualdade, convivencia e inclusión, saúde e benestar, tecnoloxías e ámbito STEM, plurilingüismo ou educación artística. O apoio económico cubrirá ata o 100% dos gastos de matrícula e desprazamento, cun importe máximo de 200 euros para actividades realizadas en Galicia, de ata 325 euros no resto do territorio español e de 750 euros no estranxeiro. As persoas interesadas dispoñen de prazo ata o 30 de setembro para presentar a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Deja un comentario