Monday 28 de July de 2025

A Xunta inicia o proceso para a elaboración da Estratexia Galega da Paisaxe Horizonte 2030


— Como paso previo, esta semana celebrouse un taller de expertos no que se avaliou tecnicamente o informe de posicionamento preliminar en materia de paisaxe

A Xunta de Galicia inicia o proceso para a elaboración da Estratexia galega da paisaxe horizonte 2030 coa licitación neste mes de xullo do servizo de asistencia técnica para redactar o documento, por un importe de máis de 62.000 euros, IVE incluído.

O obxectivo principal deste contrato —ao que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 4 de agosto— é prestar apoio ao Instituto de Estudos do Territorio (IET) co fin de realizar os traballos necesarios para configurar, elaborar e implementar a referida estratexia, concibida como instrumento de planificación e coordinación de todas as actuacións dos diferentes departamentos da Xunta e das entidades do sector público autonómico que redundan na protección, xestión, ordenación e mellora da paisaxe galega.
Entre os traballos a desenvolver pola adxudicataria inclúense deslindar e concretar todas as liñas de acción que materializarán as políticas autonómicas neste eido, de acordo coa Lei 7/2008 de protección da paisaxe de Galicia, e o seu regulamento; identificar as actuacións dos diferentes departamentos da Xunta que, pola súa natureza ou polos obxectivos que teñan definidos, concorden coas liñas de acción das políticas de paisaxe; identificar actuacións doutras administracións que, de ser o caso, sexan susceptibles de xerar posibles mecanismos de colaboración; realizar un diagnóstico de situación das actuacións definidas ou localizar axentes públicos ou privados que poidan resultar claves para o seu desenvolvemento, entre outras.

Dende o ano 2011, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático está a desenvolver unha estratexia orientada á posta en valor, protección e recuperación dos valores paisaxísticos da Comunidade.

Trátase dunha política transversal a todos os departamentos, incidindo nun conxunto de accións e medidas para integrar a paisaxe nas políticas territoriais e urbanísticas, e tamén nas ambientais, do patrimonio cultural, agrícolas, forestais, sociais, turísticas, industriais e económicas, así como en calquera outra política sectorial que poida producir un impacto directo ou indirecto na paisaxe.
Así, a primeira Estratexia galega da paisaxe referíase ao período 2012-2016, e tras aprobar varias actualizacións sucesivas, a Xunta afronta agora os traballos necesarios para a elaboración e redacción do que será o cuarto documento marco en materia paisaxística, co horizonte posto no ano 2030. A previsión é que a nova estratexia poida estar lista e aprobada a finais de 2025, cun período de vixencia de cinco anos.
Neste sentido, cómpre subliñar que esta mesma semana se celebrou en Santiago un taller de expertos en materia paisaxística, liderado polo IET, que supuxo un primeiro paso de cara á elaboración da futura Estratexia 2030. A esta reunión acudiron unha decena de persoas procedentes do ámbito institucional, académico e profesional que analizaron o contido do informe de posicionamento en materia de paisaxe, un documento preliminar que foi sometido a debate técnico no marco desta fase de traballos previos á elaboración da Estratexia galega da paisaxe definitiva.

A finalidade deste borrador, de feito, é definir os avances acadados na Comunidade ata agora neste eido e establecer os fundamentos conceptuais e normativos, identificar os principais retos a acadar, determinar os obxectivos estratéxicos e concretar os principios transversais da estratexia, aliñados co contexto e tendencias actuais.

De feito, o vindeiro setembro convocarase a segunda fase deste panel de expertos coa celebración dunha xornada de carácter interdepartamental entre os preto de 40 departamentos da Xunta responsables de distintas áreas vinculadas á paisaxe.
Na mesma, exporase o contido do informe definitivo, unha vez incorporadas as achegas técnicas recompiladas durante a primeira reunión e as actuacións concretas trasladadas desde cada Consellería, co obxectivo de concordar coa condición holística e transversal que o Convenio Europeo da Paisaxe e a Lei de protección da paisaxe de Galicia lle outorgan a este elemento identificador do territorio.

Deja un comentario