
— A campaña Van polo Clima pon á disposición dos máis novos en festivais musicais e campamentos de verán información relacionada co clima, actividades de carácter lúdico e charlas inspiradoras por persoas de referencia neste eido
— Esta actuación de sensibilización ambiental desenvólvese tamén en 15 campamentos de ocio e tempo libre
A conselleira de Medio Ambiente e cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que máis de 3.500 persoas participaron nas actividades organizadas en festivais musicais dentro do programa Mocidade polo clima, que ten o obxectivo de implicar aos máis novos na loita contra o quecemento global poñendo á súa disposición información actualizada e relevante relacionada con este tema, actividades de carácter lúdico e distendido e charlas inspiradoras por persoas de referencia nesta materia.
Durante a súa visita á zona habilitada no Morriña Fest, na Coruña, para levar a cabo as actividades deseñadas no marco da iniciativa divulgativa Van polo Clima, a conselleira animou á mocidade a actuar de xeito respectuoso coa contorna e levar esas prácticas sostibles a actividades de lecer, como poden ser os festivais musicais ou os campamentos de verán.
En concreto, no marco desta campaña de concienciación ambiental organízanse actividades lúdicas, participativas e informativas nun espazo con áreas de lecer, xogos e photocall, así como cunha furgoneta rotulada. Os asistentes terán á súa disposición un espazo de lecer producido cun material innovador, creado en Galicia e procedente de cáscara de arroz, así como un xogo de preguntas e respostas sobre o clima.
Ademais das accións desenvolvidas no Son do Camiño (Santiago de Compostela), en Port América (Portas), no Atlantic Fest (Vilagarcía de Arousa), agora no Morriña Fest (A Coruña) e dentro dunhas semanas no Festival de la Luz (Boimorto), esta actuación de sensibilización ambiental tamén se leva a cabo en 15 campamentos de ocio e tempo libre para concienciar á rapazada de entre 14 e 18 anos.
Neste caso, búscase informar sobre prácticas sostibles a través de charlas de divulgación, nas que se abordarán distintos conceptos climáticos e se reflexionará sobre os hábitos diarios e o coidado do medio ambiente, e de actividades lúdicas en forma de xogos de preguntas e respostas para afondar nos coñecementos nesta materia.
A conselleira engadiu que este espazo itinerante busca darlle visibilidade ao concepto de moza e mozo polo clima para que os asistentes poidan identificarse con el e contribúan a mitigar os efectos do quecemento global adoptando unha posición activa en todos os aspectos da súa vida cotiá.
Ademais, servirá para promocionar entre o público ao que vai dirixido a primeira edición dos premios Mozo/a polo clima, que busca recompensar o talento xuvenil dándolle visibilidade a algunhas das súas iniciativas, proxectos e ideas no eido social e empresarial, na investigación, na cultura ou na arte e que teñan algún tipo de impacto positivo no clima da Comunidade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.