
No mediodía de hoxe celebrouse este acto de presentación e homenaxe a Castelao coa presenza do rexedor, Luís Pérez, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luis Penas, o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas xunto á concelleira de Cultura, Antía Alberte. Xunto ás autoridades, acudiron para amenizar o acto As Pandereteiras de Carreira, Bailadela e Sete Linguas, As Garridiñas e As Ferreñas.
Unha vez rematadas as pezas máis grandes desta segunda edición do festival, dende a concellería de Cultura, organizouse este acto de
presentación dos novos murais que xa se poden ver polas rúas ribeirenses; e en especial o mural de Castelao, no marco deste Ano
Castelao en Galicia –75 aniversario do seu pasamento–. O Concello de Ribeira quixo facerlle unha homenaxe con este gran mural no que tamén colaborou a Secretaría Xeral da Lingua.
Na praza de España á sombra e coa figura de Castelao ao fondo comezou este acto coa música das pandereteiras para a continuación
pasar aos discursos das autoridades, o acto foi conducido pola concelleira de Cultura que comezou dándolle as grazas a tódolos participantes do festival xunto con tódolos veciños que aportaron as paredes para facer realidade estes murais.
A concelleira de Cultura pasoulle a palabra ao o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas que apelou á necesidade do ser humano de manifestarse coa pintura datando a máis antiga de Galicia fai 30.000 anos, tamén manifestou que a cultura e a lingua estea na rúa para que a vivamos con alegría e a festexemos, “e para que lembremos esa grande figura que é Castelao que loitou pola lingua e a cultura e por defender os dereitos políticos de Galicia”, rematou Seixas.
A continuación tomou a palabra o secretario xeral da Lingua que afirmou: “non todas as culturas teñen a sorte, en primeiro lugar, de ter unha muller como emblema da nosa cultura como é Rosalía de Castro, a nós parécenos normal pero non é nada habitual que no século XIX se poda establecer como senlleira dunha cultura, dun país, a unha muller; e en segundo lugar un intelectual do talle de Castelao que foi político, debuxante, escritor, activista cultural, médico…”. García recordou que un gran acto de Castelao foi o de facerse famoso na súa época polos seus debuxos, “porque daquela había numerosos galeguistas ilustres, intelectuais, políticos; pero a xente no os coñecía, a xente coñecía a Castelao”.
O deputado, Xosé Luis Penas, sinalou que un festival como Salmoira “é crucial para entender a arte contemporánea”. Penas falou da importancia do linguaxe das pinturas dende o neolítico até os días que nos acompañan; “hoxe en día a pintura reflexa a parte da nosa sociedade e penso que é importante poñer en valor este tipo de arte”. Tivo tamén palabras de agradecemento para o autor do mural de Castelao, Fernando Yánez que non puido asistir ao acto.
Para rematar as intervencións, o alcalde Luís Pérez agradeceu a presenza das autoridades e veciñanza a un acto “que une memoria, arte e futuro”. Salientou que esta iniciativa “é un orgullo porque transforma o noso espazo urbano en algo máis fermoso, porque non se trata só de pintar muros, senón de encher de contido e de beleza lugares esquecidos, e de poñer a arte ao servizo da veciñanza”.
O rexedor indicou que o mellor lugar para lembrar a Castelao é na rúa, nun espazo público, entre as casas, entre a xente. “Castelao foi un home do ao servizo do pobo. Foi un artista, un político do país, un home que puxo o seu talento ao servizo de Galiza”. Barral apelou a que “é un acto de xustiza e de afirmación. É un xeito de dicirlle ás novas xeracións que Galiza tivo e ten referentes propios, que hai figuras que nos unen e grazas ás que imos cara adiante”.
O alcalde para rematar proclamou que o festival é un acto de resistencia cultural, “un espazo de creación que nos reconcilia coa nosa identidade e nos demostra que a arte pode —e debe— estar nas rúas, ao servizo do pobo”.
Para finalizar as pandereteiras pecharon o acto con varias pezas musicais e cunha foto de familia.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.