
— Anima a continuar sendo exemplo de hospitalidade e convivencia, e agradece o labor dos galegos do exterior como embaixadores de Galicia
— Enxalza Galicia como un territorio atractivo para o investimento, con bos datos económicos e cifras récord no eido turístico
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na novena edición da Romaría Internacional de ABANCA, onde destacou o papel da entidade como “socio estratéxico da Xunta de Galicia” e puxo en valor a estabilidade política, a apertura ao mundo e a capacidade de atracción de investimentos dunha Galicia que, subliñou, “segue ofrecendo certezas nun contexto de incerteza e crispación crecente”.
Durante o acto, celebrado no Parador de Santo Estevo, en pleno corazón da Ribeira Sacra, Rueda salientou o acerto da localización escollida para esta edición, lembrando que “Galicia confía en que a Ribeira Sacra sexa declarada este ano Patrimonio da Humanidade, con todo o que iso supón de potencial turístico, de imaxe de Galicia no mundo e de reflexo do que queremos proxectar”.
Rueda aproveitou a súa intervención para reiterar a importancia de contar con entidades “potentes, estables e con músculo financeiro” que confíen na acción da Administración pública galega e colaboren en proxectos estratéxicos para a Comunidade. Neste senso, agradeceu o compromiso continuado de ABANCA e tendeu unha man ao seu equipo directivo para seguir traballando en futuros proxectos comúns.
O presidente tamén fixo balance da situación actual da Comunidade, asegurando que, malia incerteza global, “Galicia segue sendo esa illa de estabilidade da que tanto presumimos, cun bo ano económico, exportando, atraendo empresas e ofrecendo un clima de confianza e diálogo”. Fronte a outras realidades marcadas pola división, Rueda reivindicou unha Galicia que “non é amiga dos extremos nin da crispación, senón unha terra de xente traballadora, tranquila e centrada no que importa”.
Na súa mensaxe, tamén quixo reivindicar unha Galicia aberta, integradora e orgullosa da súa historia migratoria, especialmente ante o repunte de discursos de rexeitamento e xenofobia. “Moitos galegos tiveron que emigrar en tempos difíciles, e foron ben acollidos porque traballaban e contribuían. Ese é o modelo que defendemos: unha Galicia de brazos abertos, con orde e respecto á lei, onde quen vén sumar é ben recibido”, afirmou.
A poucos meses dun novo Xacobeo e cun turismo en cifras récord, Rueda concluíu asegurando que “esta é a Galicia máis aberta e máis optimista que nunca”, e trasladou aos galegos do exterior asistentes á Romaría o orgullo da Comunidade por contar con eles como embaixadores no mundo. “Aquí tedes un fogar que vos recibe con gratitude. Grazas por seguir levando Galicia por todo o mundo”, finalizou.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.