Monday 28 de July de 2025

O Concello renovou máis dun quilómetro de colectores da rede municipal de saneamento no que vai de ano


En paralelo, o Goberno de Inés Rey avanza coa modernización das infraestruturas para a recollida de augas na cidade en puntos como os Cantóns, Barrio das Flores e Sardiñeira, aproveitando as obras en marcha

No que vai de ano, o contrato de conservación e mantemento da rede de saneamento municipal permitiulle ao Concello acometer melloras en máis dun quilómetro de infraestruturas xa existentes no subsolo da cidade, renovando os materiais das tubaxes e facilitando, desta forma, a recollida de augas.

É o balance correspondente a este primeiro semestre de ano, no que o Goberno de Inés Rey actuou en barrios como Monte Alto, o Ensanche, A Zapateira, o Castrillón, Os Mallos, Riazor e Someso, tamén no polígono de Agrela e nos núcleos poboacionais de Feáns e Nostián, co obxectivo de renovar ou substituír colectores para evitar fugas de augas.

No que vai de 2025, este tipo de traballos leváronse a cabo en rúas como Suevia, Marsella, Pintor Villar Chao, as avenidas da Habana, dos Mallos e do Ferrocarril, San Luís, Pedroso e Mendaña de Neyra. E a día de hoxe, séguese a traballar en puntos como Juan Flórez ou o lugar de Nostián. Neste último caso, as obras supoñen un investimento de 230.000 euros.
“O contrato de conservación e mantemento permítenos actuarmos con máis celeridade alí onde hai unha necesidade máis urxente. Nos últimos anos, vimos traballando para modernizar a rede de saneamento sabendo que hai distritos onde as tubaxes son máis antigas ou os seus materiais son máis susceptibles á deterioración, como os colectores de gres”, razoou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

Neste sentido, a folla de ruta que se está a seguir é a retirada progresiva destas tubaxes para habilitar outras novas, de PVC, máis resistentes e con maior grosor. E, en paralelo, alí onde é posible, tamén se está a promover a ampliación da rede separativa de augas residuais das pluviais, que facilita a súa separación en orixe.

A este respecto, o Concello está a crear novas infraestruturas de saneamento en zonas como os Cantóns, o Barrio das Flores e a Agra dos Mallos. Neste caso, aproveitando a construción da nova vía que conectará a avenida da Sardiñeira coa avenida de Arteixo.
“Como xa é habitual nestes casos, antes de pavimentar a calzada da nova vía e habilitar as beirarrúas, instalamos as novas tubaxes de saneamento, que axudarán a facer máis eficiente a rede municipal neste sector do barrio”, agregou Noemí Díaz.

Deja un comentario