Monday 28 de July de 2025

O goberno municipal propón ao pleno a cesión dunha parcela de case 2.000 metros cadrados á Xunta para a construción de vivenda pública


O goberno municipal presentará no próximo pleno ordinario, previsto para o luns 28 de xullo ás 20.30 horas, unha proposta para a cesión dunha parcela de 1.998 metros cadrados á Xunta de Galicia para a construción de vivenda pública. O solar dá fronte ás rúas José Manuel Lado e Sofía Casanova, no ámbito do Rego da Balsa, e está valorado en 761.182 euros, tal como figura no informe do arquitecto municipal que forma parte do expediente.

Unha vez superado o período de información pública sen que se presentasen alegacións, corresponde á corporación municipal adoptar o acordo formal de cesión, que será remitido á Consellería de Vivenda. “Por parte da conselleira existe o compromiso de empezar de inmediato coa redacción do proxecto do edificio”, indicou o alcalde, Evencio Ferrero, que mantuvo unha xuntanza o mes pasado con María Martínez Allegue para abordar, entre outros, este asunto.

Na sesión do 28 de xullo tamén está prevista a comparecencia do concelleiro de Planificación Urbana, Juan Seoane, para informar sobre a sentencia que obrigou ao peche da estación de servizo da rúa Poñente. O alcalde indicou ao respecto que tanto o voceiro do PP coma a do PSOE foron informados puntualmente nas xuntas de portavoces, non só desde unha perspectiva política senón tamén desde o punto de vista legal por parte do asesor xurídico do Concello de Carballo.

Na sesión do 28 de xullo tamén se presentarán propostas de bonificación de impostos para dúas empresas e aprobaranse os festivos locais para o ano 2026, que serán o 25 de xuño e o Martes de Entroido, xa que o 24 de xuño, día de San Xoán, será festivo autonómico. A toma de posesión da nova concelleira do PP, Sheila Cotelo Lado, tras a renuncia do número 6 da candidatura, Javier Calvelo; mocións, rogos e preguntas completan a orde do día.

Lembra que podes seguir a sesión en directo a través da nosa páxina web.

Deja un comentario