
― O obxectivo é eliminar barreiras e establecer boas prácticas para favorecer a presenza de mulleres en sectores con baixa representación feminina
― A información recompilada a través destes grupos servirá como base para a redacción final da estratexia, incluíndo medidas concretas e avaliables para avanzar na igualdade no eido laboral
A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha os primeiros grupos de traballo da Estratexia Galega de Emprego Feminino en sectores masculinizados, unha iniciativa pioneira que busca promover a incorporación, permanencia e progresión profesional das mulleres en ámbitos laborais onde a súa presenza segue a ser minoritaria.
Durante a pasada semana o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou nas primeiras sesións de traballo, nas que tomaron parte directoras de empresas e profesionais de sectores STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). Estes encontros permitiron afondar no coñecemento das barreiras estruturais, culturais e organizativas que limitan o acceso e desenvolvemento das mulleres nestes sectores, así como identificar boas prácticas e propostas de actuación concretas.
Nas vindeiras semanas, a iniciativa continuará coa creación de sete novos grupos de traballo, que reunirán perfís profesionais nos ámbitos da seguridade e emerxencias, obra civil, loxística, dirección xeral, deporte, industrias culturais e creativas, sector agro-gandeiro, pesca e industrias agroalimentarias, entre outros.
Toda a información recompilada nestes foros servirá de base para a redacción do documento final da Estratexia Galega de Emprego Feminino en sectores masculinizados, que se presentará no cuarto trimestre deste ano e incluirá medidas concretas, avaliables e orientadas a acadar unha maior igualdade de oportunidades no acceso e desenvolvemento profesional das mulleres nos sectores con menor presenza feminina.
Con esta acción, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa igualdade efectiva entre mulleres e homes no ámbito laboral, avanzando cara a un mercado de traballo máis equitativo, inclusivo e competitivo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.