Monday 28 de July de 2025

O Pleno de Lousame outorga por unanimidade o título de fillos adoptivos aos artistas Alfonso Costa Beiro e José Luís Veiras Manteiga


En recoñecemento ás súas traxectorias artísticas e a súa implicación nos proxectos culturais en Lousame e na comarca

Os festivos locais de 2026 serán o luns 10 de agosto (San Lourenzo) e o venres 2 de outubro (San Roquiño)

O Pleno de Lousame aprobou por unanimidade o nomeamento de Alfonso Costa Beiro e José Luís Veiras Manteiga como Fillos Adoptivos do Concello de Lousame “como recoñecemento ás súas longas traxectorias artísticas, ambas avaladas polos premios acadados e a crítica”, apuntou a alcaldesa Teresa Villaverde. Alfonso Costa, orixinario da Vila de Noia e José Luís Veiras, nado en Compostela, residen en Camboño dende hai máis de 20 anos onde teñen amosado “a súa implicación coa parroquia de Camboño e cos seus veciños, aportando singularidade e deixando constantes mostras da súa xenerosidade e implicación cos proxectos culturais en Lousame e na comarca”, sinalou Villaverde Pais.

A alcaldesa de Lousame salientou que tanto Alfonso Costa como Veiras Manteiga son “creadores polifacéticos con universos únicos e irrepetibles que se comunican a través das diferentes linguaxes e disciplinas das artes plásticas, amosando un estilo persoal e inimitable: pintura, fotografía, poesía, ilustración, gravado, cartelismo, escultura, pintura mural, banda deseñada… Coetáneos, auténticos e innovadores”. Así, apuntou que “as súas obras son testemuña indiscutible da súa mestría na expresión artística e reflicten unha fusión de estilos e riqueza cultural, plasman con paixón o seu pensamento dun xeito comprometido, establecendo unha comunicación aberta co público. Co seu traballo contribúen a espallar a cultura e a arte así como o nome de Galicia polo mundo adiante”.

As súas exposicións, tanto individuais como colectivas chegaron a numerosos recunchos da xeografía española, traspasando fronteiras, países e cidades. A súa obra forma parte de coleccións públicas e privadas por todo o mundo: Canadá, Francia, Alemaña, Túñez, Holanda, Estados Unidos, Polonia, Uruguay, Arxentina, Suiza… “O Barbanza é a día de hoxe un fervedoiro cultural que vive posiblemente o momento máis dinámico da súa historia, sen dúbida Alfonso e José Luís son artífices de esta situación e tamén son dous dos expoñentes máis significativos do panorama cultural actual; o seu incorformismo e esa curiosidade infinita que lles leva a explorar novas formas expresivas nas que dar collida á súa creación son un exemplo e un legado para tódolos novos artistas”, concluíu a alcaldesa lousamiá.

Festivos locais

Así mesmo, a sesión plenaria ordinaria do mes de xullo serviu tamén para aprobar os festivos locais de 2026: San Lourenzo (luns 10 de agosto) e San Roquiño (venres 2 de outubro). O voceiro do BNG, Anxo Moledo, xustificou a abstención do seu grupo na proposta nacionalista de que os festivos teñen que rotar todos os anos polas parroquias, ao que a alcaldesa de Lousame respondeu que a decisión fundaméntase no día da semana no que coincide a festa, poñendo como exemplo que as de Fruíme este ano caen en domingo, polo que non tería sentido declaralo festivo local, e comprometendo a que no 2027 o festivo local corresponderíalle ás Festas da Gorgosa, en Camboño, que sempre coinciden en xoves.

Na sesión aprobouse por unanimidade un Recoñecemento Extraxudicial de Crédito de 172,97 euros para o pago dunha factura de 2024 que entrou en xaneiro de 2025 e a segunda modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello de Lousame para definir as funcións do novo posto de xerocultor do centro de día e para corrixir unha expresión que podía levar a equívoco nun posto en concreto, definido como “dedicación ocasional” e que pasa a ser “dedicación parcial”. PP e BNG votaron a favor da modificación, mentres que o PSOE votou en contra pola ausencia na mesa de negociación de ningún representante dos traballadores. A secretaria municipal aclarou que, tal e como figura no expediente presentado ao Pleno, cursouse convite a todas as entidades sindicais pero que estas declinaron asistir nin delegar sobre os representantes dos traballadores, que tampouco asistiron.

Finalmente, o pleno aprobou cos votos a favor de PP e PSOE, e a abstención do BNG; unha actualización da ordenanza fiscal polo Imposto a Vehículos de Tracción Mecánica, polo que o coeficiente aplicable ao Concello de Lousame pasa do 1,10 ao 1,40.

Mocións

Por último, na quenda de mocións, PP e PSOE aprobaron un texto presentado por Amnistía Internacional pola fin do xenocidio en Gaza, en defensa do dereito internacional humanitario e a protección da poboación civil. Unha moción que esixe a Israel e Hamás un alto o fogo inmediato, a que as autoridades israelíes deixen de cometer accións contra a poboación de Gaza constitutivas do crime de xenocidio, a fin do bloqueo ilegal, o cumprimento das resolucións internacionais e a liberacións de reféns e persoas detidas arbitrariamente. Aínda que a intención do grupo de Goberno era que a moción fose aprobada como institucional polos tres grupos municipais, isto non foi posible debido á abstención do BNG xa que “a moción queda moi curta”, xustificou Anxo Moledo. Unha posición que sorprendeu ao voceiro do grupo popular, Esteban Ares, xa que “non é unha moción redactada nin polo PP nin polo PSOE, é trasladar ao Concello de Lousame unha moción que nos envían dende Amnistía Internacional condenando o xenocidio en Gaza”.

A que si foi aprobada por unanimidade foi unha moción socialista, emendada polo grupo popular, para esixirlle á Xunta e ao Goberno Central que doten a todo o territorio de Lousame de fibra óptica e instar ás empresas instaladoras a que fagan o despregue coa maior celeridade. Non pasaron o trámite de urxencia unha proposta socialista sobre a futura dotación de profesorado no CPI Cernadas de Castro, toda vez que a alcaldesa explicou que aínda non se coñecen as cifras, polo que se comprometeu a tratar o tema ao seu tempo nunha sesión extraordinaria se fose necesario; e unha moción do BNG sobre o servizo de axuda a domicilio, ao entender o grupo de Goberno que no texto se faltaba á verdade.

Currículos dos fillos adoptivos

ALFONSO COSTA BEIRO

Vive a súa infancia e adolescencia na Vila de Noia, aos dezasete anos trasladase a Barcelona. No ano 1967 realiza a súa primeira exposición. Pronto descubre o seu talento un crítico de prestixio, Cesáreo Rodríguez Aguilera, outro galego trasterrado a Cataluña, que exerce como crítico de arte; dicía de Alfonso que “posúe un debuxo máxico e unha paleta evanescente, dunha elegancia natural realmente única”.

En Barcelona, Alfonso traballa dun modo incansable, a súa mirada curiosa absorbe o fluxo vital que ofrece unha cidade dinámica e multicultural. É seleccionado para unha mostra colectiva de debuxo que leva o nome de Joan Miró. En 1972 concédenlle unha beca da Fundación March para coñecer a obra de Giotto en Florencia, feito que terá unha influencia decisiva no seu futuro estético. Realiza carteis e participa en mostras colectivas internacionais. Fai series de gravados que incrementan o seu prestixio e forma parte de mostras e exposicións que percorren La Habana e Lisboa. En 1984 remata un dos seus grandes proxectos, unha pintura de 2.000 metros cadrados que lle leva tres anos no Instituto Frenopático de Barcelona. Ilustra series de artigos en prensa, asinados polo seu amigo Xavier Costa Clavel, e os poemas de Rodríguez Aguilera.

As súas exposicións percorren toda España. En 1983 obtén unha beca do Ministerio de Cultura. A súa presencia no mundo editorial é constante, con ilustracións para obras de Costa Clavel e Neira Vilas. Novos murais en 1985, nunha recoñecida industria coruñesa e no Instituto Xelmírez de Compostela. Os anos oitenta son de intensa actividade para o artista, que consolida a súa sona no estranxeiro, principalmente en Francia e Alemaña. En 1988 realiza unha gran exposición no Kiosko Alfonso de A Coruña e as súas carpetas de gravados reciben encargos constantemente ao ser moi apreciadas polos coleccionistas. No ano 2001 pinta O Atlante de Baroña sobre a bóveda do auditorio da Casa da Cultura de Porto do Son.

A súa obra figura nos museos Provinciais de Lugo, Pontevedra, A Coruña e Burgos; Arte Moderno de Barcelona, Palma de Mallorca, Hospitalet, Barcelona, Arte Moderno de Madrid, Zabaleta de Quesada, Jaén, Girona, Ostende, Vigo, Sada e na Fundación March. Tamén está representado en diversas institucións como o Instituto Padre Sarmiento, Universidade de Compostela, Xunta de Galicia, Concello de A Coruña, Generalitat de Barcelona, Deputacións Provinciais de Santander, Girona, Guadalaxara e no Congreso dos Deputados.

A pintura de Costa Beiro e dun expresionismo lírico, a súas figuras danzan e teñen unha imparable dinámica, un prodixioso e rítmico debuxo que deixa translucir emocións e insólitos mundos interiores. Aínda que as doses de abstracción sexan considerables, sabe aproveitar os recursos do cubismo e do surrealismo en composicións medidas. Unha enorme ledicia, un ámbito lúdico preside estas pinturas nas que está o mito, o onirismo, a evocación e a ideación en perspectivas infinitas. Ao seu modo, Alfonso, coma bo galego, é un barroco apaixonado e en definitiva, un gran creador. Actualmente é veciño de Camboño, lugar no que sigue creando e compartindo a súa arte.

Premios e distincións, entre outros:

• “Primeiro Premio, Salón de Outono de Manresa, 1968.”
• “Primeiro Premio de Pintura Tema Deportivo. Olot, 1969.”
• “Primeiro Premio de Debuxo Arte Contemporáneo. Barcelona, 1970.”
• “Primeiro Premio de Debuxo María Blanchart. Santander, 1972.”
• “Bolsa de estudios de Fundación March. Florencia (Italia), 1972.”
• “Premio Internacional de Dibujo Ynglada Guillot. Barcelona, 1973.”
• “Premio Nacional de Debuxo Pancho Cossío. Santander, 1974.”
• “Primeiro Premio de Pintura Fundación Güell. Barcelona, 1974.”
• “Medalla de Bronce, Premio Europa. Ostende (Bélgica), 1978.”
• “Medalla de ORO e y Primeiro Premio Pintura Zabaleta. Quesada (Jaén), 1981.”
• “Bolsa do Ministerio de Cultura. Madrid. 1982.”
• “Premio Especial Bienal Internacional do Deporte nas Belas Artes. Madrid, 1982.”
• “Primeiro Premio de Murales LEYMA. A Coruña, 1985.”
• “Primeiro Premio de Debuxo IX Bienal Internacional do Deporte nas Belas Artes. Barcelona, 1986.”
• “Primeiro Premio de Debuxo Pérez Villamil. Ferrol, 1987.”
• “Primeiro Premio de Pintura FOCSA. Barcelona, 1992.”
• “Primeiro Premio de Pintura “Mestre Mateo”. Córdoba, 1999.”

JOSÉ LUÍS VEIRAS MANTEIGA

Nado no ano 1949 en Compostela, pasa parte da súa infancia en Mesía e As Pontes e no ano 1955 o novo destino laboral do seu pai leva á familia a residir a en Noia. José Luís xa cultiva a súa afección polo debuxo no Instituto Laboral de Noia e continua a formación de bacharel en Santoña (Santander) onde a rematará no ano 1967. Nos anos seguintes compatibiliza estudos e varios traballos en Lugo e iníciase de xeito autodidacta como pintor de óleos; o debuxo a expresión poética e a pintura xa son dende entón marcas de identidade que permanecerán con él o resto da súa vida.

No ano 1972 fai o servizo militar en Cartaxena e Ferrol, rematado este período regresa a Lugo onde traballa na hostalaría e faise asiduo da tertulia cultural do Café Madrid na que, entre outros, participaban Celestino Fernández de la Vega, Arcadio López Casanova e Constantino Pallín e traba relación con outros insignes escritores e músicos do momento (Ánxel Fole, Xesús Rábade Paredes, Darío Xohán Cabana, Xei Noguerol, Antón Campelo…).

A partir do ano 1974 o seu proxecto vital levao a Francia xunto coa súa parella Christine, coa que casa no ano 1975, terán dous fillos e naquela altura o creador decide dedicarse definitivamente á pintura. A partir dese momento o traballo de artista pictórico é incansable. No 2001 retorna definitivamente a Galicia, vivindo a día de hoxe na parroquia de Camboño, concello de Lousame.

Veiras Manteiga é un artista universal que desenvolveu a súa andaina vital e pictórica entre dous mundos: Galicia e Francia; que expuxo en Rennes, Nantes, St. Pierre La Cour, Chateau Gontier, Laval, Ernée, St. Barthelemy D’Anjou, Avrillé, Augsbourg, Loiron, París, Segovia, Mettmann, Compostela, Paczkow, Mayenne, Madrid, Caen, Lemans, Opole, Nysia, Gundremmingen, Aichach, Deventer…

Membro fundador do colectivo ART-VIF xunto con outros artistas como Jean Chevalier, Yves Grudé e Michel Maurice, que máis tarde amplíase e da lugar a AAA53, grupo do que segue a formar parte e no que participou con máis de sesenta exposicións colectivas a nivel internacional.

A súas ilustracións acompañarán ás obras de moitos autores galegos: Manuel Fabeiro, Xosé Agrelo Hermo, Avilés de Taramancos, Pilar Sampedro, Maxi Olariaga… Dentro da súa faceta como ilustrador podemos reseñar algúns títulos moi recoñecidos como: Galicia en cómic-Noia Porto de Compostela, Folgar de Brigantia-A morte de Ith, English for infants, Espagnol Sistema Básico, Os touros de Noia, Os días con Lara, Fuxidos…, e tamén para revistas como L’Oribus, Casa da Gramática e Alameda do Liceo de Noia.

Pintor, tradutor, xornalista, ilustrador, poeta, presentador de TV e radio, muralista… De Lousame a París, da pintura á litografía, da ilustración á poesía, da figuración á abstracción. Os mundos e as artes de Veiras son complementarios ao longo da súa traxectoria artística. Falamos dun artista que ten unha marcada proxección europea, con múltiples actividades de artista e creador: óleo e acrílico, augadas e tintas, cerámica e gravado, mural e banda deseñada, debuxo e caricatura; e tamén poeta, xa que no ano 2010 editará o poemario Fisterras.

Premio e distincións, entre outros:

• “Concurso de carteis. Noia, 1984.”
• “Grand Prix Salon de Chateau Gontier (Francia), 1986.”
• “Finalista Concurso Decoration Gare. Laval (Francia), 1986.”
• “Finalista Concurso Une affiche pour Ste. Suzanne (Francia), 1986.”
• “Grand Prix de la Ville Salon d’Ernée (Francia), 1987.”
• “Prix du Lion’s Club, Salon de Vitré (Francia), 1988.”
• “Prix du Lion’s Club, Salon de Sablé sur Sarthe (Francia), 1988.”
• “Premio Barbantia á Traxectoria Cultural no Barbanza, 2023”

Deja un comentario