Monday 28 de July de 2025

Concello e Colexio de Avogados asinan un convenio para crear un servizo gratuíto de asesoramento xurídico en conflictos veciñais


Con esta iniciativa, o Concello cumpre coa medida anunciada no Plan de Seguridade co obxectivo de dar un maior apoio ás comunidades veciñais

A alcaldesa, Inés Rey, e o decano do Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña, Augusto Pérez-Cepeda Vila, asinaron hoxe un convenio de colaboración que permitirá a posta en marcha dun innovador servizo de asesoramento xurídico gratuíto dirixido a vítimas de conflictos veciñais que podan constituír un delito.

A través desta iniciativa pioneira, o Concello e o Colexio buscan abrir unha nova canle informativa para a cidadanía en materia de orientación legal gratuíta para comunidades de propietarios, propietarios individuais e usufructuarios que se vexan afectados por situacións problemáticas no eido veciñal.

O servizo abarca o asesoramento en casos que podan incluír delitos como acoso (mobbing), inxurias, ameazas, danos, lesións, furtos, roubos, usurpación de inmobles e tamén outras actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas que perturben a convivencia comunitaria. Tamén se prestará asesoramento especializado en casos de ocupación ilegal de vivendas.

Inés Rey puxo en valor este novidoso acordo, “que permitirá ás veciñas e veciños da Coruña contar cun novo servizo de axuda e asistencia que fará máis sinxela a resolución de problemas que, nalgúns casos, poden supoñer un deterioro na calidade de vida da cidadanía. Con este asesoramento contribuiremos a evitalo ou minimizalo”.
Segundo Augusto Pérez-Cepeda Vila, “é moi importante a colaboración institucional para poñer a disposición das e dos coruñeses ferramentas xurídicas eficaces que lles permitan facer fronte a situacións conflictivas na súa contorna máis cercana, sempre desde unha perspectiva preventiva e de orientación legal especializada”.

O Concello cumpre cunha medida incluida no Plan de Seguridade do Concello que ten como obxectivo axudar as comunidades veciñais a facer fronte aos conflictos que poidan existir recibindo asesoramento legal.

As comunidades de veciños e veciñas interesadas en facer uso do servizo de asesoramento xurídico gratuíto poderán facelo remitindo unha consulta previa ao enderezo de correo electrónico seguridadciudadana@coruna.gal.

Mesa da seguridade e convivencia

Previa á sinatura do convenio, a alcaldesa presidiu no Ágora a segunda reunión da Mesa da Seguridade a Convivencia da que forman parte as entidades veciñais, comerciantes e hostaleiros xunto á Policía Nacional e Local.

No encontro deuse a coñecer a evolución dos datos de seguridade na cidade e das medidas que se están a poñer en marcha dende a Policía Local en coordinación coa Policía Nacional neste ámbito.

Deja un comentario