A nosa comunidade rexistrou un crecemento no seu volume de viaxeiros do 11,8% superando os 172.000
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, no pasado mes de febreiro Galicia rexistrou un crecemento no volume de viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros galegos do 11,8% superando os 172.000. A nosa comunidade incrementou tamén as pernoitas rexistradas no segundo mes do ano nun 13,9% neste caso ata acadar máis de 315.000 neste pasado mes.
É o terceiro ano consecutivo no que Galicia rexistra unha mellora dos seus niveis de demanda hoteleira no mes de febreiro acadando neste ano as cifras máis elevadas dos últimos sete anos no que se refire aos viaxeiros e dos últimos seis anos en canto ás pernoitas.
A nivel estatal rexistrouse tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con melloras do 12,4% no relativo tanto á cifra de viaxeiros aloxados como ás pernoitas. En termos de mercado, o turismo interno –aquel representado polos residentes en Galicia- superou nun 1,5% a súa cifra de viaxeiros aloxados.
Pola súa parte, o turismo nacional –aquel conformado polo españois procedentes doutras comunidades autónomas- incrementou no pasado mes de febreiro a súa cifra de viaxeiros nun 23,4% e as súas pernoitas nun 34,1% acadando, con máis de 152.000, o nivel máis elevado desde febreiro de 2008.
En canto ao turismo internacional, a nosa comunidade incrementou neste segundo mes do ano nun 12,6% os seus viaxeiros e nun 4,8% as súas pernoitas. Este mercado representou no pasado mes de febreiro o 14% do total das pernoitas hoteleiras rexistradas na nosa comunidade.
A nivel territorial a nosa comunidade rexistrou un comportamento positivo da demanda hoteleira en todas as provincias galegas. A Coruña e Pontevedra rexistraron os incrementos máis destacados, superando nun 14,6% e 16,1% respectivamente os niveis de demanda do pasado ano. Lugo amosou tamén unha dinámica importante, cunha suba do 12,6%. Pola súa parte, Ourense rexistrou un crecemento do 7,0% neste caso.
A estadía e os niveis de ocupación nos hoteis e pensións de Galicia melloraron tamén neste segundo mes do ano nun 2% e 1,9 puntos porcentuais respectivamente. Así mesmo, Galicia incrementou as súas tarifas hoteleiras no segundo mes do ano, nun 8,2%, o que levou a unha suba dos niveis de rendibilidade en relación ao mesmo período de 2015 incrementándose o RevPAR nun 18,7%.
Primeiro bimestre de 2016
Nos dous primeiros meses deste ano 2016 Galicia rexistrou un incremento da súa cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros da comunidade, do 10,7% en relación ao mesmo período do pasado ano, rexistrando preto de 320.000. Así mesmo, a nosa comunidade rexistrou un crecemento das súas pernoitas hoteleiras dun 10,4% neste caso, rexistrando máis de 575.000.
É o segundo ano consecutivo no que Galicia rexistra unha mellora dos seus niveis de demanda hoteleira nos dous primeiros meses do ano situándose neste ano no nivel máis elevado desde o 2012. A nivel estatal rexistrouse tamén unha mellora dos niveis de demanda hoteleira, do 11,4% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 10,4% no que atinxe ás pernoitas.
En termos de mercado, o turismo receptor nacional incrementou as súas pernoitas nun 24% e os seus viaxeiros nun 21%. Pola súa parte, o mercado internacional reiterou neste ano o crecemento rexistrado xa en 2015 superando as pernoitas rexistradas no pasado ano nun 4%. En relación aos niveis de ocupación, o sector hoteleiro de Galicia mellorou esta cifra en 1,8 puntos porcentuais.