Monday 28 de July de 2025

Baiuca, Bonnie Tyler, Marina Reche, Zahara ou Coti, protagonistas das Festas de María Pita 2025


A alcaldesa, Inés Rey, presentou a programación das Festas de María Pita, cun mes de programación que conmemorará o 175 aniversario destes festexos

Rosa Cedrón, referente da música galega, será a pregoeira o 1 de agosto Viñetas desde o Atlántico, Festival Noroeste Estrella Galicia, Certame de Habaneras, Festival Internacional de Folclore ou Romaría de Santa Margarida completan un programa “diverso e plural”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou a programación das Festas de María Pita 2025, que conmemoran este 2025 o 175 aniversario da súa orixe, en 1850. A rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Tamén acudiron á presentación o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, Rosa Cedrón, pregoeira deste ano, e o autor do cartel, o ilustrador coruñés Álvaro Dorda.
“As Festas de María Pita nos situarán como o gran referente galego do ocio durante o mes de agosto grazas a unha programación variada e de gran calidade”, sinalou a alcaldesa.
“Agosto é o mes no que sae toda esa efervescencia festeira que temos na cidade e ese orgullo koruño polo noso e por iso quixemos ir do concreto ao xeral e do local ao internacional”, engadiu.

A praza de María Pita será o gran escenario destas festas coa celebración das Noites de María Pita, a Semana Clásica e o Festival de Habaneras. Rosa Cedrón será a encargada do pregón deste 2025, que terá lugar o venres 1 ás 21.00 horas. Coruñesa de adopción que comezou a súa carreira como violonchelista, pero acadou gran recoñecemento como vocalista do grupo Luar na Lubre, conxunto co que colaborou durante varios anos, popularizando grandes himnos de música tradicional galega. Posteriormente iniciou unha carreira en solitario, combinando sons folk, pop e canción de autor. “A súa voz delicada e expresiva convértea nunha das intérpretes máis recoñecidas da música galega contemporánea”, sinalou Inés Rey.

Tal e como sinalou Inés Rey, as Noites de María Pita “contarán con actuación de todos os estilos e para todos os públicos”, comezando con Baiuca, un dos artistas galegos máisimportantes do momento. O día 2 estará Bonnie Tyler, o día 3, Marina Reche, o día 4, Los Sirex e Los Rebeldes, e o día 5, Los40 Summer Live (Naiara, Chema Rivas, La Beba, Pikete, Lemot, Vicco, Paula Koops e Walls). Tras un paréntese pola celebración do Festival Noroeste Estrella Galicia, cuxo cartel se dará a coñecer nos vindeiros días, as Noites de María Pita regresarán o domingo 10 de agosto con Zahara. O 11 será a quenda do espectáculo Rock en Familia, o 12 celebrarase o xa anunciado homenaxe a Sito Sedes coa orquestra Los Satélites, o 13 actuará Uxía, nunha actuación especial con numerosos convidados, e o 14 celebrarase Locos por la Música, con Nacha Pop, Cómplices, No me pises que llevo chanclas, Melocos, Javier Ojeda (Danza Invisible), Soraya, La Poptelera e DJ Cherry Coke. Pecharán o ciclo Coti o domingo 17 e Vega o luns 25 de agosto.

Para conmemorar o 175 aniversario das festas, instalarase desde o día 1 no Obelisco a mostra ‘As Festas de María Pita a través dos seus carteis’, con 40 carteis emblemáticos que reflicten o espírito dos tres séculos nos que se celebraron. Do 18 ao 31 de agosto a exposición poderá visitarse en Marineda City.

Este ano celébrase o 40 aniversario do Certame de Habaneras, e co obxectivo de darlle un papel principal no programa as actuacións celebraranse no escenario da praza de María Pita, do mércores 6 ao sábado 9, ás 19.30 horas. A Semana Clásica dará comezo o mércores 20 coa actuación da Orquestra GAOS co cantautor Pedro Guerra como convidado especial. O xoves 21 actuará a Orquestra de Cámara Galega, o sábado 23 será a quenda da Orquestra Sinfónica de Galicia e o domingo 24 pechará o ciclo a Banda Municipal de Música da Coruña.

Romaría, Viñetas, Teresa Herrera e moito máis

Máis alá dos festexos que terán lugar na praza de María Pita, a programación das festas da cidade expandirase por outros espazos, como é habitual. Así, do mércores 6 ao sábado 9 de agosto celebrarase o XXXVIII Festival Noroeste Estrella Galicia, cuxa programación completa, da que xa se coñece a actuación de Luar na Lubre en Riazor, será anunciada nos vindeiros días. Ademais, do 11 ao 19 celebrarase unha nova edición de Viñetas desde o Atlántico, festival internacional de banda deseñada e referente do sector, que contará con máis de 70 autores e autoras, 20 exposicións, 35 editores/as e libreiros/as e máis de 100 actividades. A programación será anunciada tamén nos vindeiros días. como é habitual. Por outra banda, a Romaría de Santa Margarida terá lugar do 28 ao 31 de agosto e xa están á
venda as entradas para o concerto de Gala i Ovidio, que abrirá a programación que se anunciará ao completo máis adiante.

Desde o venres 1 ata o domingo 10 celebrarase nos xardíns de Méndez Núñez unha nova edición da Feira do Libro da Coruña. Por outra banda, do 14 ao 31 terá lugar a Feira do Libro Antigo e de Ocasión. Tamén se celebrará neste espazo a edición número 41 de Mostrart, a feira de artesanía máis importante de Galicia, que se prolongará durante todo o mes de agosto e contará con máis de 60 obradoiros artesáns.

Outra das citas imprescindibles do verán coruñés será o Trofeo Teresa Herrera de Fútbol, que se celebrará o sábado 9 de agosto no estadio municipal de Riazor e enfrontará ao Real Club Deportivo, masculino e feminino, con Le Havre AC e SC Braga, respectivamente. Tamén se celebrará, un ano máis, o ciclo Cascarillarte, que encherá os barrios da Coruña de diversión e ocio para todos os públicos, con representación de diferentes temáticas abertas ao público. Por outra banda, o Festival Internacional de Folclore este ano terá lugar no Campo da Leña, do mércores 13 ao domingo 17. O sábado 16 celebrarase unha xornada especial na praza de María Pita. Súmase á programación o evento de música urbana Beatout Week, que se celebrará no auditorio de Santa Margarida do 21 ao 23 de agosto. O 15 de agosto terá lugar a tradicional Batalla Naval nas praias do Orzán e Riazor.

Durante o mes de agosto non cesarán as festas nos barrios da cidade. Do 15 ao 17 de agosto celebrarán os seus festexos os veciños de Oza-Gaiteira-Os Castros. Haberá, o sábado 16, un evento especial no Parque Europa que levará por nome Lembranza Rock e contará coas actuacións de Sés, Ruxe Ruxe e Rebeliom do Inframundo. As festas do Castrillón terán lugar do mércores 20 ao venres 22 e contarán coa actuación estelar de Tam Tam Go! o xoves 21 na praza de Pablo Iglesias. Do venres 22 ao domingo 24 celebraranse os festexos da Sagrada Familia no parque de San Rosendo e a súa contorna e o sábado 23 terán lugar as festas de Pedralonga no aparcadoiro da Fábrica de Armas.

Deja un comentario