Wednesday 23 de July de 2025

Os cabezudos, a música e os San Juerguines volverán protagonizar as festas do Carme dos Pincheiros


• Celebraranse entre o venres, 15 de agosto, e o luns, día 18.

Os característicos cabezudos volverán invadir A Pobra do Caramiñal da man dunha nova edición das festas de Carme dos Pincheiros. A cita, organizada pola Comisión de Festas Carme dos Pincheiros en colaboración co Concello e a Xunta de Galicia, celebrarase entre os días 15 e 18 de agosto, ofrecendo un completo programa no que os xigantes e cabezudos compartirán protagonismo coa música, os xogos e os xa clásicos San Juerguines. Así o avanzaron, esta mañá, a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, o presidente da Comisión, Jesús Maneiro, durante a presentación do programa, na que participaron tamén o secretario e o vogal.

Durante a súa intervención, a edil incidiu na importancia desta festividade, “que conta cunha gran tradición na Pobra”. A orixe do Carme dos Pincheiros atópase, precisamente, nuns mariños (os coñecidos como pincheiros) que se dedicaban á arte da pesca de pincho, moi empregada na ría de Arousa no século XVIII. Lojo subliñou o compromiso do goberno “por manter vivos este tipo de celebracións que falan da nosa historia como concello pero que supoñen tamén un revulsivo para o consumo económico durante catro días”. Nesta ocasión, a achega do Concello chegou ata os 35.000 euros.

Nesta edición, serán uns trinta os cabezudos e xigantes que percorrerán as rúas do municipio. Non faltarán os reis, Brancaneves e os sete enaniños, as personaxes de Asterix e Obelix, cabalos e mesmo un dragón. Detrás destas confeccións hai un traballo de varios meses nos que a Comisión se encarga de arranxar calquera dano e de pintar as cabezas.

Xornada inaugural
O programa dará comezo o venres, 15 de agosto, co lanzamento das bombas de palenque ás 19.00 horas. A partir dese momento, os xigantes e cabezudos iniciarán tamén o seu percorrido polas rúas da Pobra, un tour que farán coa ambientación musical do Grupo de Gaitas Trécola. Ás 19.30 horas terá lugar a imposición de escapularios aos novos confrades e haberá unha misa interpretada pola coral Lauda Sión. Ás 21.00 horas darase o pregón oficial das festas desde o balcón da Casa do Concello. Nesta edición, correrá a cargo das Veteranas do Club Remo Puebla, unha “homenaxe merecida ás mulleres que levan o nome da Pobra aló onde van e que, ademais, foron as gañadoras do Campionato Galego de Veteranas”, tal e como explicou Patricia Lojo.

As 22.00 horas, terá lugar a ambientación musical, incluída no programa Verán Cultural do Concello. A praza Alcalde Segundo Durán acollerá os concertos da banda de versións Ajencia Trivutaria (22.00 horas) e de Martin Human (23.00 horas). O remate da festa correrá a cargo de Chocolate Disco Móvil.

Sábado de San Juerguines
O sábado, 16 de agosto, a actividade arrincará ás 11.00 horas coa música da Banda de Música de Rianxo, da Banda de Gaitas Os Castros de Ames, o Grupo de Gaitas Xiada, Os Caraveiros, o Grupo de Gaitas O Ar de Loureda e o Grupo de Gaitas Os Argalleiros. Ás 12.30 horas tomarán a remuda os xigantes e cabezudos ao son do Grupo de Gaitas Trécola e, entre as 12.00 e as 14.00 horas, haberá tamén xogos populares no Cantón da Leña. A Banda de Música de Rianxo realizará un recital ás 13.00 horas nos xardíns de Valle-Inclán.

Os San Juerguines serán unha das actividades fortes no sábado. Comezarán ás 13.30 horas cunha sesión vermú na que actuarán Mekánika Rolling Band e na que haberá, ademais, unha sesión DJ. Ás 16.30 horas terá lugar a Festa da Auga, un clásico nestas festas e na que se prevé a participación de centos de persoas. Nese momento, as rúas do núcleo urbano convértense nunha auténtica batalla na que o obxectivo é mollar a calquera persoa que pase pola zona. Ás 18.00 horas terán lugar as Olimpíadas Pincheiras e, ás 22.00 horas, a festa continuará con Planet Disco Móvil, Mateo Abelleira e Tito Maverick.

En paralelo, haberá tamén unha actuación da Orquestra Mar Azul (22.30 horas) e Condutores Suicidas (00.00 horas), banda tributo a Sabina.

Domingo
O domingo, 17 de agosto, as propostas arrincarán tamén ás 11.00 horas coa música da Banda de Música de Rianxo, da Banda de Gaitas Os Castros de Ames, o Grupo de Gaitas Xiada, Os Caraveiros, o Grupo de Gaitas O Ar de Loureda e o Grupo de Gaitas Os Argalleiros. Ás 11.30 horas haberá unha entrada na vila e un desfile da Banda Militar da Brilat, que tamén dará un concerto ás 12.00 horas no Campo da Leña. A continuación, a Banda de Música de Vilaboa (ás 13.00 horas) fará o propio, ofrecendo un recital nos xardíns de Valle-Inclán. Ás 18.30 horas terá lugar a misa solemne e a procesión na honra da Virxe do Carme. A Asociación de Amas de Casa e da Confraría de Pescadores fará unha ofrenda no pantalán.

A Olimpus actuará ás 22.30 horas e o remate da xornada estará marcado por Chocolate Disco Móvil.

Xornada de peche
O luns, 18 de agosto, os xigantes e cabezudos farán acto de presenza ás 12.30 horas. Entre as 12.00 e as 14.00 horas os máis pequenos e pequenas da casa gozarán da Pincherolandia e da festa da espuma na praza Alcalde Segundo Durán (haberá un segundo pase entre as 17.00 e as 19.00 horas) e, ás 13.00 horas, está previsto o concerto da Banda de Música de Lantaño nos xardíns Valle-Inclán.

Ás 20.00 horas levarase a cabo un desfile de despedida dos xigantes e cabezudos acompañados polos grupos de gaitas. O remate do Carme dos Pincheiros chegará cunha actuación do grupo The Broken Peach (22.30 horas), coa gran queima de fogos artificiais e combate naval (00.15 horas) e coa sesión de Chocolate Disco Móvil (00.30 horas).

Deja un comentario