
— Pon en valor a utilidade destas concentracións para ordenar o territorio e mellorar a rendibilidade das explotacións
— A reestruturación permitiu multiplicar por cinco o tamaño medio das parcelas e reducir o seu número nun 80%
— A Xunta investiu 2,3 millóns de euros neste proceso e prevé destinar 14 millóns neste 2025 para novas parcelarias
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe o impacto da concentración parcelaria como motor estratéxico do desenvolvemento rural galego.
Durante a súa participación no acto de entrega dos títulos da concentración parcelaria no concello de Oroso, o titular do Executivo galego puxo en valor a importancia de que a terra dos concellos rurais estea ordenada e poida ser explotada, pechando as concentracións. Ademais, agradeceu aos alcaldes a súa dedicación e apelou á “responsabilidade dos propietarios” para aproveitar as concentracións, un “camiño fundamental”.
Este proceso, que abrangue as parroquias orosás de Ánxeles, Calvente, Pasarelos e Marzoa, supuxo unha reordenación territorial de 1.374 hectáreas propiedade de 899 titulares. A actuación permitiu pasar de 7.175 parcelas, cunha superficie media de 1.900 metros cadrados, a un total de 1.486 predios, cunha media de 9.246 metros cadrados, o que supón un incremento notable da dimensión media das fincas e unha redución do seu número nun 80%. A Xunta de Galicia investiu 2,3 millóns de euros neste proceso, que se enmarca na aposta do Goberno galego por mellorar a estrutura da propiedade e favorecer a rendibilidade das explotacións agrograndeiras.
Tal e como destacou o presidente, desde o ano 2020, a Xunta rematou un total de 34 concentracións parcelarias que beneficiaron a máis de 18.000 propietarios en toda Galicia. A estas súmanse outras 29 decretadas desde 2021, que afectan a preto de 25.000 hectáreas e máis de 16.000 titulares. Para continuar con esta liña de traballo, o Executivo galego destinou un orzamento de 14 millóns neste 2025.
Neste sentido, o Goberno galego segue ampliando os instrumentos de mobilización de terra, a través da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Esta norma contempla ferramentas como os polígonos agroforestais ou as permutas de especial interese agrario. A nova liña de axudas convocada esta semana conta cun orzamento de 100.000 euros para o bienio 2025-2026, e permitirá financiar gastos de asesoramento técnico, acondicionamento de terreos e trámites notariais e rexistrais.
A intervención en Oroso, sinalou Rueda, é unha mostra máis do compromiso da Xunta coa modernización do rural e coa construción dunha Galicia con futuro en todo o seu territorio, que aposta pola calidade tamén na xestión do seu territorio por parte dos propietarios.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.