Wednesday 23 de July de 2025

Arrinca a Feira das Marabillas na Cidade Vella, con actividades para todos os públicos ata o domingo 27


A alcaldesa, Inés Rey, percorreu a feira, que contará con numerosas compañías artísticas e propostas de ocio, gastronómicas e comerciais

A XXIX edición da Feira das Marabillas comezou este mércores cun acto de apertura no que participou a alcaldesa, Inés Rey, que visitou os
principais emprazamentos desta celebración. O epicentro dos festexos volve ser a Cidade Vella e a praza de María Pita, onde haberá actividades ata este domingo, 27 de xullo.

O Concello colabora coa Asociación Comercial e Empresarial ‘Ciudad Antigua’ da Coruña (ACECA) na organización deste evento. “Este acontecemento xa forma parte do imaxinario do verán coruñés, e serve de antesala das grandes festas de agosto, as festas de María Pita”, sinalou Inés Rey durante a apertura da mostra, celebrada na praza de Azcárraga. O evento ten orixe na Feira Franca do século XVI e retomouse no 1993 como feira de ambientación medieval. A Cidade Vella recreará A Coruña da Idade Media, con cinco días de actividades gratuítas para todos os públicos.

Numerosas compañías artísticas participarán nesta edición, na que volverá a contarse co Recuncho das Pícaras na praza de María Pita, con atraccións e actividades pensadas para os e as máis pequenas. Entre a extensa programación destaca o encontro de música medieval que se celebrará na igrexa de Santiago mañá, xoves 24, ás 20.30 horas, con entrada libre ata completar capacidade. A oferta da feira complétase con numerosas propostas gastronómicas, de ocio e comerciais. O horario de apertura da feira é de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 0.00 horas (ata a 1.00 horas o xoves, venres e sábado e ata as 23.00 o domingo).

A Feira das Marabillas é unhas das actividades incluídas polo Goberno de Inés Rey no extenso calendario cultural e de ocio previsto para este verán.

Deja un comentario