
Serán este sábado, 26 de xullo, e o xoves, 14 de agosto, ás 10.00 horas.
A riqueza natural e cultural do río das Pedras fan deste espazo un dos maiores reclamos turísticos da Pobra do Caramiñal. O Concello buscará pór en valor esta contorna con dúas rutas turísticas que correrán a cargo do xeógrafo e guía oficial de Turismo de Galicia, Joaquín Rubal. As actividades están encadradas dentro do programa estival da Concellería de Turismo, e levaranse a cabo este sábado, 26 de xullo, e o xoves, 14 de agosto.
En ambos casos, as saídas arrincarán ás 10.00 horas e terán unha duración estimada de tres horas. Ao longo das mesmas, as persoas participantes realizarán un percorrido a pé de, aproximadamente, dous quilómetros. A dificultade da ruta é media-alta, polo que está recomendada para persoas maiores de 12 anos.
O punto de encontro será a Casa Mariñeira e, desde alí, os visitantes partirán en microbús ata o lugar desde onde comezarán a ruta. Ao remate do itinerario, serán trasladadas en autobús ata o miradoiro de Valle-Inclán, situado na Curota, para gozar dunha das panorámicas máis emblemáticas da comarca.
As persoas interesadas en anotarse nas distintas propostas poderán facelo na Casa Mariñeira ou no correo turismo@apobra.gal. Así mesmo, poderán solicitar máis información nos teléfonos 671 090 262, no 687 482 835 ou no 981 843 280 (extensión 2035).
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.