
Natividade González mantivo un encontro de traballo coa alcaldesa, Sandra Permuy, e o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, para analizar vías de apoio ás entidades culturais municipais
A deputada comprometeuse a celebrar unha xornada informativa con entidades locais tras o verán, para dar a coñecer as liñas de axuda e facilitar o acceso aos programas culturais provinciais
A deputada provincial de Cultura, Natividade González, visitou o Concello de Fene, onde mantivo unha reunión de traballo coa alcaldesa, Sandra Permuy; o concelleiro de Cultura, Justo Ardá; e a tamén deputada provincial de Plans, Cristina García. O encontro tivo como principal obxectivo explorar novas vías de colaboración para que as entidades culturais municipais poidan aproveitar ao máximo os recursos e programas provinciais.
Durante a reunión, analizáronse as diferentes convocatorias culturais da Deputación e as dificultades que, nalgúns casos, atopas as entidades á hora de acceder ás axudas. En resposta, a deputada comprometeuse a promover, tras o verán, unha xornada informativa aberta ás asociacións culturais de Fene, que servirá para dar a coñecer en detalle as liñas de axuda existentes, resolver dúbida sobre os procedementos de solicitude e facilitar ferramentas prácticas para mellorar o acceso a estas convocatorias.
Unha aposta pola cultura de proximidade
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, agradeceu a disposición da deputada e sinalou que “este tipo de encontros son moi necesarios para que os recursos públicos cheguen a quen realmente os necesita: as asociacións que manteñen viva a cultura nas parroquias”. Tamén valorou moi positivamente “a posibilidade de contar con programación cultural da Deputación directamente nas entidades, sen custe para estas, o que permite achegar propostas de calidade a todos os públicos e territorios”.
Pola súa parte, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, subliñou “o enorme valor do tecido asociativo de Fene, que dinamiza a vida cultural durante todo o ano” e insistiu na necesidade de “seguir tecendo redes de colaboración entre institucións e entidades para garantir unha oferta cultural ampla, diversa e accesible”.
A xornada prevista para despois do verán contará coa presenza de persoal técnico da Deputación que explicará en detalle os requisitos e contidos das distintas liñas culturais, así como coa participación das entidades locais. A iniciativa insírese na vontade compartida de seguir reforzando o vínculo entre a administración provincial e os concellos, facilitando a circulación da cultura por todo o territorio.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.