Wednesday 23 de July de 2025

Inés Rey insta á Xunta a dar marcha atrás co convenio do Sergas que obstaculiza a implantación de Medicina na Coruña


A alcaldesa manifestou a súa oposición a esta medida e reivindicou unha vez máis que a Universidade da Coruña conte con estudos de Medicina atendendo ás necesidades da cidade e á actual demanda de profesionais

A alcaldesa, Inés Rey, rexeitou hoxe a pretensión do Sergas e da Universidade de Santiago de Compostela (USC) de adscribir de inmediato todos os centros sanitarios de Galicia á USC, incluídos os hospitais universitarios da Coruña e Ferrol —adscritos exclusivamente á UDC desde o ano 2001—, así como o Complexo Hospitalario de Vigo, entre outros.

“Manifesto a miña oposición rotunda a esta medida que supón, de facto, ‘apropiarse’ de todos os recursos sanitarios dispoñibles en Galicia para os estudos de Medicina”, expresou esta mañá a rexedora na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local.

Rey apuntou que a aprobación do novo convenio Sergas – USC implicaría que a docencia clínica de Medicina sería impartida integramente por profesorado da USC en todos oshospitais de Galicia. “E iso non é descentralizar, senón todo o contrario: recentralizar”, advertiu a alcaldesa da Coruña.

Inés Rey esixiu ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que “non dé un paso que supón romper cun acordo que funcionou nos últimos 25 anos, cun convenio que, de aprobarse, vai contra os profesionais sanitarios da Coruña, tamén os docentes, contra o INIBIC —acreditado polo Instituto Carlos III— e, en definitiva, contra a cidade da Coruña”.

A rexedora subliñou que as pretensións do Goberno autonómico “non só suporán que non se lle dé a nosa cidade a titulación que reclama e merece, senón que tamén producirá un retroceso sen precedentes no acadado ata agora”. Rey insistiu en pedir á Xunta “que rectifique de inmediato e non rompa cun consenso que respondía á realidade galega”.

Deja un comentario