
— Ángeles Vázquez indica que o proxecto normativo autonómico, que está previsto que sexa aprobado polo Consello da Xunta nas vindeiras semanas, consolidará Galicia á vangarda da loita contra o quecemento global e da transición enerxética
— A planificación do monumento natural localizado en Oleiros busca establecer os usos e as actividades permisibles, así como as limitacións e medidas que se consideren necesarias para a conservación do espazo
A Xunta ultima a tramitación do anteproxecto da Lei do clima de Galicia e do proxecto de decreto Plan de xestión para a Costa de Dexo ao elevar ambos proxectos ante o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads) para a súa consideración.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, presidiu a reunión deste foro de participación pública e institucional en materia medioambiental onde destacou que a futura lei autonómica do clima, que está previsto que sexa aprobada polo Consello da Xunta nas vindeiras semanas, consolidará a Comunidade á vangarda da loita contra o quecemento global e da transición enerxética.
Nese senso, Ángeles Vázquez explicou que esta lei vai en consonancia coa Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía que foi aprobada en 2019 e que xa permitiu lograr avances como situar a Galicia á cabeza das comunidades autónomas ao reducir as emisións netas de gases de efecto invernadoiro nun 61,7% con respecto a 1990, que é o ano de referencia a nivel comunitario para as políticas climáticas, e que, ademais, permite superar o obxectivo do 55% establecido pola Unión Europea para o ano 2030.
Para seguir con ese traballo, o anteproxecto da lei do clima, que hoxe coñeceu o Cogamads, céntrase en cinco áreas principais: gobernanza climática e transparencia, planificación, instrumentos económicos e de fomento da acción climática, visibilización e sensibilización, e, finalmente, meteoroloxía, climatoloxía e calidade do aire.
Costa de Dexo
A maiores, na reunión do Cogamads celebrada hoxe, a conselleira tamén presentou o proxecto de decreto para a aprobación do Plan de xestión para a Costa de Dexo, en Oleiros, co que se busca establecer os usos e as actividades permisibles, así como as limitacións e medidas que se consideren necesarias para a conservación do espazo e a preservación dos hábitats e das especies.
Nesta liña, tal e como explicou a conselleira, establécense como obxectivos fundamentais a conservación e protección dos patrimonios natural, cultural e inmaterial a través de actuacións como, por exemplo, un inventario de covas e furnas mariñas somerxidas, un estudio das colonias de aves mariñas ou a eliminación de especies exóticas invasoras.
Tamén se prevén actuacións de cara a garantir un desenvolvemento sostible que garanta o equilibrio entre a súa preservación e o seu desfrute por parte de veciñanza e visitantes coa realización, por exemplo, dun estudo de mobilidade sostible.
Logo de lembrar que a tramitación deste documento comezou en abril de 2023 co deseño dunha memoria inicial, que foi sometida ao trámite de información pública e distintas consultas con entidades e organismos relacionados –incluídos seis obradoiros participativos-, Ángeles Vázquez explicou que, unha vez sometido á consideración do pleno do Cogamads, o proxecto de decreto deste plan de xestión será elevado ao Consello da Xunta para a súa aprobación e posterior publicación no Diario Oficial de Galicia para a súa entrada en vigor.
A maiores, a representante autonómica puxo en valor a análise destes documentos por parte deste órgano de consulta e asesoramento pois xa avaliou anteriormente textos lexislativos relevantes como os plans reitores de uso e xestión (PRUX) dos seis parques naturais galegos e do parque nacional, normativas de carácter autonómico como a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia ou os plans de conservación e xestión de monumentos naturais como o do Souto da Retorta ou a Fraga de Catasós.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.