Wednesday 23 de July de 2025

Medio cento de maiores brioneses visitan Ribadavia e O Carballiño


Medio cento de veciños e veciñas de Brión, de sesenta ou máis anos, participaron onte martes na terceira das catro excursións organizadas polo Concello de Brión dentro do seu programa “Xornadas de Verán”. Unha saída que os levou ata Ribadavia, onde “percorremos as súas rúas empedradas descubrindo o legado da comunidade xudía e gozamos da súa beleza cargada de historia; tivemos unha degustación nunha adega, almorzamos no balneario de Laias e rematamos cun paseo polo Carballiño. Pero, sobre todo, compartimos risas, conversas e momentos que fortalecen os lazos de unión entre a nosa veciñanza”, explica o alcalde de Brión, Pablo Lago, que acompañou á expedición canda a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero.

A derradeira excursión das “Xornadas de Verán” terá lugar o próximo mércores 30 de xullo e o destino será a vila de Mondoñedo, con visita guiada á catedral e ao Museo da Imprenta… almorzo en Burela e percorrido guiado por Ribadeo durante a tarde.

Deja un comentario