
• Mercedes Rosón ao goberno local que a taxa turística sexa xestionada polo Consello Municipal de Turismo, en lugar de crear unha nova comisión: “implicaría máis retrasos para que a taxa turística non só se recade, senón que sirva para mellorar o noso concello”
• Advirten dun déficit nos orzamentos municipais que prevían 2,6 millóns de euros de ingresos da taxa no presente ano
As concelleiras non adscritas reuníronse nos últimos días coa Unión de Consumidores de Galicia e con Unión Hoteleira Compostela, para definir o seu posicionamento definitivo ante a votación da ordenanza que regulará a taxa turística en Compostela, e que se someterá a consideración do Pleno Municipal o vindeiro día 31. Uns encontros, tralos que denuncian a falta de vontade de diálogo por parte do goberno local.
Mercedes Rosón asegura que, “tendo claro que para seguir sostendo o modelo turístico sen que nos custe calidade de vida ás veciñas e veciños que vivimos en Compostela, o turismo debe aportar”, para garantir a mellor aplicación posible da taxa, debera procurarse o consenso. Neste sentido, critica un comezo “errado” afeándolle ao executivo de Sanmartín que non houbera debate, “nin reflexión, nin se procurara o acordo co sector”.
“Tanto consumidores como sector turístico trasládannos a pouca transparencia coa que se tratou esta cuestión desde o goberno local” anota Rosón, que acusa a Sanmartín de “improvisación” nun asunto de “especial relevancia” para Compostela, máis aínda cunha presión turística en aumento nos últimos anos.
“Máis importante que recadala é que a taxa se invista”
Moitas das alegacións que recibiu o proxecto de ordenanza no seu trámite de exposición ao público oriéntanse na indefinición e a falta de concreción do texto sobre o destino dos fondos recadados. A ordenanza limítase a replicar a normativa autonómica sobre este asunto, asegurando que o 80% da recadación prevista pola recarga será destinada a investimentos e gastos vencellados á promoción, impulso, protección, fomento e desenvolvemento do turismo sustentable. Pero sen ningunha concreción adicional, como critican as concelleiras non adscritas.
Rosón insiste na importancia de que “haxa taxa pero que comece a reverter canto antes en melloras no noso Concello” e, neste sentido, amósase especialmente crítica con esta falta de concreción pero, sobre todo, coa previsión que inclúe a ordenanza de crear unha nova comisión para xestionar os ingresos. Un trámite, o de crear unha nova entidade, que segundo a concelleira non adscrita, podería implicar máis tempo “e máis retrasos para que a taxa turística non só se recade, senón que
sirva para mellorar Santiago”.
Esixen así as concelleiras non adscritas que se rectifique este punto, e propoñen no seu lugar que a xestión do recadado se aborde desde o Consello Municipal de Turismo: “semella máis lóxico que se modifique a ordenanza para que sexa unha entidade xa creada formalmente antes da aprobación da taxa, a que asesore a xestión dos ingresos, para garantir que a taxa se ingresa pero, máis aínda, que a taxa se invista en Santiago nun espazo de tempo máis curto”.
Precisamente sobre os prazos que se seguiron na tramitación da ordenanza turística é onde Mercedes Rosón centrou boa parte das súas. Asegura que chega “tarde” e pon o foco no desaxuste dos orzamentos municipais que provocará o feito, irremediable polos tempos, de que neste 2025 non se recaden os 2,6 millóns de euros que o executivo local debuxara no capítulo de ingresos das contas municipais deste ano.
“Quen asume responsabilidades?” preguntábase a edil non adscrita, ao tempo que se preguntaba sobre se as “présas de última hora”, e o“acelerón”do proceso agora, responde a un “compromiso real” da Alcaldesa co turismo sustentable, ou se, pola contra, se debe só a que “as contas non cadran”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.