
A xornada festiva desenvolverase ao pé da capela deste lugar de San Sadurniño
Silvalonga prepárase para o grande día que vivirá este domingo 27 de xullo, data elixida para recuperar o Santiago despois dunha chea de anos sen se celebrar. Unha festa promovida desta vez pola Asociación Cultural Concienciarte en colaboración coa veciñanza do lugar, que inclúe sesión vermú, verbena, actividades infantís e un xantar popular con paella (o prazo para reservar remata hoxe). A música será cousa do grupo tradicional Vai Rañala Meu!, do Dúo Caramelo e dunha discomóbil.
A festa comezará ás 12:00h cunha alborada a cargo do grupo Vai Rañala Meu!, que dará paso á misa prevista para as 13:00h na capela construída nos anos 60 do século pasado, despois de botar abaixo a edificación anterior para darlle máis ancho á estrada que une San Sadurniño e Valdoviño.
Ás 13:30h, ao carón da capela, O programa proseguirá a iso das 13:30 ou 14:00h ao carón da capela cunha sesión vermú conducida polo Dúo Caramelo. Pola tarde, ás 18:00h, haberá sobremesa musical co grupo de Cantos de Taberna de Sansa, que seguramente estire o serán ata o comezo da verbena.
Un dos momentos centrais do día será o xantar popular (15:00h) no que se servirá un menú completo con paella, churrasco, sobremesa, café, licores, viño, auga e refrescos a un prezo de 32 euros. As crianzas menores de 12 anos poderán comer de balde. Este mércores 23 de xullo é o último día para anotarse no teléfono 644 259 016 (Concienciarte) ou collendo os tíckets na libraría Brétema ou en Dzine III.
A festa tamén terá espazo para a rapazada, cunha programación específica de xogos populares a partir das 17:30h, de xeito que o Santiago tamén será unha magnífica oportunidade de pasar un día distinto en familia.
Os últimos estalos da festa de Silvalonga botaranse a partir das 20:00h cunha verbena animada de novo polo Dúo Caramelo na compaña dunha discomóbil.
A cita está organizada polo colectivo cultural Concienciarte (a asociación ten a súa sede na antiga escola de Silvalonga) co apoio da veciñanza do lugar e tamén do Concello de San Sadurniño, que achega a actuación de Vai Rañala Meu! gracias á Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.