
— A Administración autonómica financiará máis de 16.600 bonos dos que achegará o 40% de cada uno e o 60% restante correspóndelles persoas solicitantes
— A Xunta investirá 1 millón de euros para mobilizar 2,5M€ que irán ao sector turístico durante o outono
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou, esta mañá, o establecemento Cabanas de Mallas, en Fisterra, un dos negocios participantes nesta nova edición do bono turístico que xa completou o proceso de adhesión coa descarga por parte do público en xeral de 16.666 bonos turísticos que a Xunta de Galicia puxo en circulación para promover a desestacionalización do destino e favorecer que o turismo xere recursos e riqueza ao longo de todo o ano. Belén do Campo informou que o Goberno galego inviste en total, este ano, 1M€, a través dos que se espera mobilizar ata 2,5M€ no sector durante o outono. A representante do Goberno autonómico destacou que “o período de descarga iniciouse o pasado venres ás 9,00 horas da mañá e o domingo contra ás 21,00 horas esgotáronse a totalidade dos 16.666 bonos”.
Belén do Campo informou que os bonos se poderán gozar en distintos establecementos e servizos turísticos de Galicia desde o 15 de setembro ata o 25 de decembro deste ano.
No que se refire aos establecementos de aloxamento turísticos e ás axencias de viaxes, a delegada animou aos negocios a seguir adheríndose a este programa para beneficiarse do mesmo xa que o prazo para sumarse, comezou o pasado martes, 15 de xullo, e remará o 1 de decembro deste ano. Poden apuntarse aqueles establecementos da comunidade autónoma e axencias de viaxes que teñan un centro de traballo en Galicia e desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado á comunidade e deberán estar tamén dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT)”. Neste senso, recalcou que os establecementos adheridos xa superan os máis de 270 en Galicia, dos cales máis dun centenar están na provincia da Coruña e concretamente na comarca de Bergantiños-Costa da Morte xa están adheridos 28 negocios. O Concello de Fisterra é o que conta con máis negocios dispoñibles, en total, sete.
A delegada destacou que esta iniciativa -que naceu no contexto da pandemia para dinamizar o consumo turístico e inxectar liquidez ás empresas do tecido turístico galego- está consolidándose como una proposta que impulsa a actividade turística fóra de temporada alta e contribúe a apoiar o sector.
Toda a información sobre a iniciativa está dispoñible en www.bonoturismo.gal. Cada persoa poderá acceder a un máximo de dous bonos, que serán cada un dun importe de 150€, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia e nun 60% polas persoas solicitantes. Estas últimas deberán, por tanto, abonar 90€ por cada bono, 180€ no caso de que accedan aos dous máximos, que lles facilitarán ata 300€ para gozar dunha estadía o vindeiro outono nalgún dos establecementos participantes no programa.
A representante do Goberno autonómico informou que desde que se implantou este programa en 2020, se puxeron en circulación máis de 63.000 bonos turísticos e mobilizáronse máis de 16,5M€ no sector turístico galego.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.