Wednesday 23 de July de 2025

132 nenos e nenas da Laracha son usuarios do servizo de axuda á conciliación que presta o concello no verán


Durante o curso escolar volverá funcionar o servizo Madruga, ademais do de Canguraxe que se oferta durante todo o ano.

Cada verán o Concello pon en marcha o servizo municipal de conciliación da vida persoal, laboral e familiar baixo a denominación Vacacións e dentro do Programa Harmoniza. Nos meses de xullo e agosto préstase nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo e conta na actualidade cun total de 132 usuarios inscritos -66 nenos e 66 nenas-, acudindo algúns a diario -de luns a venres de 7:00 a 14:15 horas – e outros puntualmente segundo as necesidades de conciliación. Hoxe recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM), Ana Aldao.

Os rapaces, de 3 a 12 anos de idade, están en todo momento atendidos por monitoras especializadas en educación infantil. Repartidos en grupos de idade realizan en cada xornada diversas actividades didácticas e educativas, ademais de ter a opción de recibir un almorzo equilibrado.

Entre as actividades culturais, deportivas, educativas e recreativas que se levan a cabo aprovéitase, tamén, para introducir o concepto de igualdade de forma lúdica e participativa en coordinación co CIM e coa técnica municipal de Igualdade. Ademais, no mes de agosto está previsto realizar saídas por outros puntos do termo municipal como proposta educativa e de ocio complementaria.
O Concello continúa mostrando a súa firme aposta durante todo o ano co servizo de conciliación no marco do Programa Harmoniza para responder ás necesidades das familias derivadas das dificultades que presentan para poder compatibilizar os horarios laborais coa atención dos seus fillos. Ademais do servizo Vacacións -que se oferta no verán, Nadal, Semana Santa e Entroido-, durante o curso escolar funciona Madruga desde as 7:00 horas nos tres centros de infantil e primaria. Neste caso o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 31 de xullo.

Tamén se ofrece o servizo Canguraxe, que vai dirixido a familias con nenos de entre 4 meses e 12 anos de idade. Contempla un conxunto de tarefas centradas nos coidados básicos e atención a prestar nos domicilios para cubrir necesidades puntuais, non de carácter estable ou estrutural prolongadas no tempo.

Calquera persoa empadroada no termo municipal da Laracha que desexe beneficiarse do Programa Harmoniza pode ampliar información ou solicitar a inscrición acudindo ao Centro de Información ás Mulleres (CIM), situado no Edificio Administrativo da Laracha.

Deja un comentario