Wednesday 23 de July de 2025

A rúa Castelao de Aguiño terá unha nova pavimentación


O Concello de Ribeira, adxudicou as obras de pavimentación da rúa Castelao de Aguiño. O pasado mes de abril levábase a cabo a pavimentación da rúa Francisco Lorenzo Mariño, esta actuación xunto coa nova adxudicación da rúa Castelao, eran amplamente demandadas pola veciñanza, con esta nova pavimentación ponse fin a máis de oito anos sen intervencións nestas estradas e resolven así as demandas da veciñanza.

A rúa Castelao, na parroquia de Aguiño, presenta actualmente un pavimento moi deteriorado, con numerosas fochancas e disgregacións que supoñen un risco para a circulación. A obra de remodelación da rúa non incluíra a pavimentación por iso, o actual goberno municipal decidiu habilitar unha partida orzamentaria para mellorar a seguridade viaria na zona coa renovación do pavimento mediante o estendido dunha capa de aglomerado para posteriormente proceder á sinalización horizontal da rúa.

O obxectivo fundamental que se persegue con este proxecto é mellorar o firme actual da rúa Castelao, pavimentándoa cunha nova capa de aglomerado asfáltico de 6 cm de espesor. As actuacións para realizar serán; o fresado do pavimento existente, a preparación da superficie, o estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente tipo AC22 surf D de 6 cm de espesor, o recrecido de tapas de rexistro á nova cota, a pintura viaria e a limpeza final da zona de obras.
“Desde o Concello de Ribeira estamos apostando decididamente por mellorar os servizos e infraestruturas nas parroquias, e Aguiño é un claro exemplo deste compromiso. A adxudicación da pavimentación da rúa Castelao responde a unha demanda histórica da veciñanza, que levaba máis de oito anos agardando por esta actuación. Esta obra, xunto coa xa realizada na rúa Francisco Lorenzo Mariño, é un paso máis na nosa folla de ruta para dignificar os espazos públicos desta parroquia” asegurou o alcalde, Luís Pérez Barral.

Pérez Barral asegura que nestes dous anos se fixo un esforzo importante en Aguiño, cun investimento sostido que inclúe a renovación da liña de abastecemento, saneamento e pavimentación da rúa Curbelo, a pavimentación das rúas Luís Seoane e Praia da Ribeira, a instalación dunha nova liña de auga potable na Cerca, a construción da nova sede do club de remo e a renovación do conservatorio de Aguiño. “Estes proxectos son a mostra dun compromiso firme coa mellora da calidade de vida da cidadanía de Aguiño, dotando á parroquia de mellores infraestruturas e equipamentos públicos.”

A adxudicación foi concedida á empresa Canarga, S.L. por un importe total de 140.145,00 euros, IVE incluído no marco do POS+ 2024 e cun prazo de execución de dous meses.

Deja un comentario