Wednesday 23 de July de 2025

O Concello de Lousame investirá case 50.000 euros na mellora da pista polideportiva do Sanguiñal (Tállara) e os seus accesos


As obras permitirán a plena utilización desta instalación deportiva por parte da veciñanza

 

O Concello de Lousame vén de adxudicar as obras de mellora da pista polideportiva do Sanguiñal (Tállara), que inclúen a pavimentación do acceso público á instalación, por 49.400 euros á empresa Pavimentos Noia, Obras e Contratas SL. Uns traballos que suporán intervir en toda a instalación deportiva: estrutura, elementos de cuberta e laterais.

 

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “a pista polideportiva do Sanguiñal atópase nun estado avanzado de deterioro debido ao lóxico paso do tempo, ao que hai que engadir que partes da cuberta se desprenderon durante os temporais do pasado inverno, polo que dende o Concello de Lousame decidimos aprobar este investimento de case 50.000 euros para volver a poñer a disposición da veciñanza estas instalacións deportivas”.

 

Obras a realizar

 

De feito, a ausencia ou rotura dalgunhas das placas traslúcidas da cuberta, unidas á ausencia de canalóns nin baixantes para a recollida da auga da chuvia, provocan a formación de charcos na pista, o que impide a súa utilización durante moitos días e aceleran o deterioro da infraestrutura. Proba diso é que a estrutura principal mostra unha avanza corrosión e óxido, ao igual que os elementos de anclaxe que, ao estar en contacto directo coa pista, están en contacto continuo con esa auga de chuvia, o que acelera o seu deterioro.

 

Por iso, procederase á desmontaxe de toda a estrutura e a substitución de todos os parafusos, aplicando un tratamento antioxidante sobre a estrutura e a nova cuberta. Unha nova cuberta de chapa de aceiro prelacado á que se engadirá a colocación de canalóns de aluminio e baixantes para a recollida de augas pluviais. Así mesmo, instalarase unha tubaxe de PVC e unha arqueta sumidoiro para canalizar a auga da choiva cara un novo pozo de rexistro, evitando así que a auga se acumule na pista e non permita o seu uso pola veciñanza.

 

As obras completaranse coa pavimentación dos accesos públicos á instalación, pavimentándose unha superficie total de 210 m², entre o lateral da pista deportiva e o camiño de acceso dende a estrada DP-1104. Deste xeito, os usuarios poderán acceder ás instalacións deportivas por este camiño, sen ter que cruzaren polo parque infantil da Escola Unitaria do Sanguiñal.

 

“Temos nestes momentos moitas iniciativas en marcha na área deportiva”, recorda Teresa Villaverde, “pois, ademais de licitar a renovación da cuberta da pista municipal do Sanguiñal, xa temos bastante avanzada a construción dos novos vestiarios do campo de fútbol municipal da Silva e agardamos que nos próximos meses se asine o convenio para cambiar o céspede artificial do campo de fútbol de Cabanetán, despois da confirmación da subvención nominativa outorgada pola Deputación da Coruña”.

Deja un comentario