Wednesday 23 de July de 2025

A 53ª Travesía ao Dique celebrarase este venres con máis de 200 nadadores e nadadoras participantes


O Concello colabora co Club Natación Coruña na organización deste evento, que forma parte da IX Copa de España e do XXI Circuíto Galego de Augas Abertas

A cidade acollerá este venres 25 de xullo, a partir das 11.00 horas, a 53ª edición da Travesía ao Dique, unha das citas máis emblemáticas do calendario deportivo coruñés. A proba, organizada polo Club Natación Coruña coa colaboración do Concello da Coruña, contará coa participación de 250 nadadores e nadadoras das categorías alevín, infantil, júnior, máster e absoluta.

O evento foi presentado esta mañá nun acto celebrado nos exteriores de Marina Coruña, nos peiraos do Náutico, no que participou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, acompañado por Raúl Solleiro, presidente do Club Natación Coruña; Ramón Mosquera, secretario xeral da Federación Galega de Natación; Boris Mosquera, en representación de Blue Leaders; e por Inmaculada Losada e Lucía Méndez, vicepresidenta e responsable de relacións públicas do Club Natación Coruña, respectivamente.

Durante a súa intervención, o concelleiro destacou “o compromiso do Goberno municipal co deporte ao aire libre e co apoio a eventos que consolidan A Coruña como cidade atlántica e deportiva”.

A proba conta tamén co apoio da Federación Española de Natación e da Federación Galega de Naración, ao ser puntuable tanto na IX Copa de España de Augas Abertas coma no XXI Circuíto Galego de Augas Abertas.
A Travesía dará comezo ás 11.00 horas, con saída desde as instalacións de Marina Coruña, e desenvolverase na lámina de auga do porto interior. Están previstas tres quendas de saída:
● Ás 11.00 h, participantes no percorrido de 3.500 metros (categorías absolutas e júnior);
● Ás 11.05 h, participantes máster na proba de 1.200 metros;
● Ás 11.10 h, alevíns e infantís, tamén cun percorrido de 1.200 metros.

Como en edicións anteriores, o percorrido adaptarase á idade e nivel das persoas participantes, garantindo a seguridade en todo momento grazas ao dispositivo coordinado por Protección Civil e o servizo marítimo da Cruz Vermella.

Ademais do Concello da Coruña, a Travesía conta co apoio de entidades como Blue Leaders, Softee, Deporte Galego e a Xunta de Galicia.

O goberno de Inés Rey reafirma, unha vez máis, o seu compromiso coa promoción do deporte de base e o apoio a eventos que poñen en valor o litoral coruñés e a práctica deportiva en espazos abertos, consolidando A Coruña como un referente nacional nas disciplinas de augas abertas.

Deja un comentario