
A rexedora participou esta mañá no almorzo informativo organizado pola Confederación de Empresarios da Coruña, onde destacou os datos positivos de emprego e anunciou o Plan Laboral Coruña 2025
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou este martes no almorzo informativo da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), celebrado no Hotel Attica 21, nun encontro que reuniu a preto de 90 representantes do tecido empresarial e económico da cidade.
Na súa intervención, a rexedora destacou o papel fundamental do empresariado no desenvolvemento da cidade e reafirmou o compromiso do Goberno local coa colaboración público-privada. “A Coruña é hoxe unha cidade aberta, dinámica e líder na creación de novas empresas en Galicia, e isto é posible grazas ao talento e ao impulso do noso tecido produtivo”, sinalou.
Rey puxo en valor os datos económicos actuais, como o récord de persoas ocupadas, a constitución de 1.972 novas empresas en 2024 na área coruñesa ou o incremento do número de autónomos, que lidera o crecemento galego. Ademais, anunciou a próxima posta en marcha do Plan Laboral Coruña 2025, que ofrecerá formación e apoio á inserción laboral para cen persoas desempregadas da comarca, cun enfoque adaptado ás necesidades reais do mercado.
No acto tamén interviron o presidente da CEC, Antonio Fontenla; o director xeral do Banco Sabadell Gallego, Pablo Junceda; e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. A alcaldesa foi recibida polo presidente da Confederación e compartiu almorzo con representantes de empresas e institucións de referencia na cidade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.