Wednesday 23 de July de 2025

O executivo local de Paderne e o Estado acordan incorporar o camiño a Souto na nova rotonda da N-651


“Tras longas negociación coa Demarcación de Carreteras, e grazas á vontade da veciñanza, non só é unha realidade esta infraestrutura, que reducirá considerablemente a sinistralidade na N-651; tamén servirá de nó conector a Souto”, asegura o alcalde, Sergio Platas.

O delegado do Goberno, Pedro Lobeiras, visitou esta mañá as obras xunto ao rexedor padernés e os concelleiros Ángel Germade e Rafael Castro.

A intervención conta cun orzamento de máis de 123.000 euros con financiación a cargo do contrato de conservación e explotación das estradas do Estado na provincia da Coruña.

A tan demandada obra dunha glorieta na N-651, na intersección que leva a Velouzás e Ribeira de Chantada, no Concello de Paderne, é unha realidade. Pero esta boa nova vai máis aló. Tras longas negociación coa Demarcación de Carreteras, o executivo local de Paderne e o Goberno do Estado acordaron incorporar un desvío cara Souto nesta infraestrutura, unha demanda que vén de vello.

“Tras longas negociacións coa Demarcación de Carreteras, e grazas á vontade veciñal, non só é unha realidade esta infraestrutura, que reducirá considerablemente a sinistralidade na N-651 ao seu paso polo noso municipio; tamén servirá de nó conector a Souto”, asegurou esta mañá o alcalde, Sergio Platas.

O rexedor, que recibía ao Delegado do Goberno, Pedro Lobeiras, quixo agradecer “tanto á Delegación do Goberno, como a Demarcación de Carreteras e especialmente á veciñanza pola súa paciencia. Todas e todos sabemos que as obras ata que rematan non son especialmente reconfortantes, pero sen dúbida que o resultado merecerá a pena. É unha grandísima nova para Paderne e toda a comarca”, subliñaba Platas na visita desta mañá ás obras.

Traballarase para que as obras estean executadas canto antes, a ser posible, na segunda metade do 2025. Conta cun orzamento de máis de 123.000 euros financiado con cargo ao contrato de conservación e explotación das estradas do Estado na provincia da Coruña, dotado con 25,6 millóns de euros.

Permitirá, como avanzabamos con anterioridade, incrementar a seguridade nunha intersección na que se teñen rexistrado varios accidentes nos últimos anos, ademais de acondicionar a parada de autobús existente na contorna, mellorando así tamén o acceso ao transporte público da veciñanza.

A nova glorieta terá un radio de 6,5 metros, cun arcén de aproximadamente un metro e carrís de 3,5 metros de ancho, o cal permitirá reorganizar completamente o tráfico e mellorar a conectividade e a seguridade, obxectivo prioritario da mesma.

Deja un comentario