
O Concello investirá 110.000 euros nun sistema de auga quente sanitaria baseado en biomasa e en completar o cambio a led da iluminación do campo de fútbol
O Concello de San Sadurniño acometerá en breve a mellora da eficiencia enerxética dos vestiarios e do campo de fútbol municipal, situado na área deportiva dos Currás. O proxecto inclúe a substitución da antiga instalación eléctrica de auga quente sanitaria por outra que funcione cunha caldeira de pellets, así como a substitución dos focos da cancha que aínda faltaban por cambiar por outros de tecnoloxía led. Esta intervención busca reducir o consumo enerxético e mellorar as condicións de uso das instalacións deportivas. A obra conta cunha subvención de 60.000 euros do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia. O orzamento total supera os 110.000 euros, IVE incluído.
O proxecto abarca tanto a zona de vestiarios como a iluminación do terreo de xogo, centrado na eficiencia enerxética e na sustentabilidade. No edificio dos vestiarios instalarase unha moderna caldeira de biomasa de pellets, que substituirá os antigos termos eléctricos, e un depósito de 1.500 litros, mellorando significativamente o rendemento e a capacidade de produción de auga quente sanitaria (ACS).
Por outro lado, no campo de fútbol proseguirase coa renovación do sistema de iluminación exterior. Como se recordará, en 2019 o Concello cambiou aproximadamente a metade dos focos do campo por outros de led. Agora, por medio desta actuación, completarase a mudanza substituíndo coa mesma tecnoloxía os vellos proxectores que quedaran pendentes desde aquela. Con esta transformación, que tamén inclúe a actualización do centro de mando e dos sistemas de protección e control, obteranse mellores niveis de iluminación e un menor consumo eléctrico.
Todo o sistema será sometido a probas técnicas para garantir o seu funcionamento óptimo e a súa integración coa infraestrutura xa existente. Segundo destaca o Executivo local, ademais do aforro en electricidade, a nova instalación “terá unha vida útil máis longa e tamén un mantemento moito máis sinxelo que a actual”, comenta o alcalde, Secundino García Casal.
O rexedor engade que estas melloras na zona deportiva dos Currás “son un paso máis no compromiso que temos coa eficiencia e coa loita contra o cambio climático. Non só baixaremos custes enerxéticos, senón que tamén mellorarán as condicións das instalacións para acoller os partidos e adestramentos dos equipos que usan o campo habitualmente. Algo que se ha notar especialmente no inverno, que é a época en que máis se tira dos focos e cando fai falla máis enerxía para quentar a auga das duchas”.
O investimento total previsto ascende a máis de 104.000 euros -110.000 coa redacción do proxecto e a dirección de obra-, dos cales 60.000 proceden dunha subvención autonómica do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, dirixido a apoiar actuacións relacionadas coa eficiencia enerxética e o uso de fontes renovables en concellos de menos de 15.000 habitantes.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.