Wednesday 23 de July de 2025

Presentadas no primeiro semestre do ano solicitudes de licenza para un total de 45 vivendas


O movemento no sector inmobiliario que empezou a reflectirse o ano pasado na actividade do departamento urbanístico continúa neste 2025. Se no primeiro trimestre do ano chegaron á Oficina Técnica Municipal solicitudes de licenza para 25 vivendas, no segundo sumáronse 20 máis, o que eleva a 45 o balance do semestre.

Estes expedientes teñen a particularidade de que a maior parte dos proxectos en tramitación permitirán habilitar vivendas en edificios xa existentes. Por unha banda, continúa á alza a reforma das plantas baixas, aproveitando a modificación das normas de habitabilidade de Galicia para facilitar que baixos comerciais ou entrecháns sen uso poidan reconverterse en vivendas. Por esta fórmula crearanse 13 vivendas a pé de rúa en inmobles situados nas rúas Fomento, Gran Vía (2), Vitoria (2) e Río Eume.
No segundo trimestre tamén se retomou, cunha nova solicitude de licenza, o proxecto de construción dun edificio de 11 vivendas na Praza de Galicia. Así mesmo, tramitáronse permisos para construír 6 vivendas unifamiliares en Carballo, Sísamo e Bértoa (4), que se suman ás 9 do trimestre anterior.

Proxectos xa aprobados

Por outra parte, hai proxectos en tramitación que consisten na ampliación e/ou reforma de edificios. No primeiro trimestre presentouse unha solicitude neste sentido, para construír 6 vivendas nun edificio situado na rúa Hórreo, e a licenza xa foi aprobada no segundo trimestre pola Xunta de Goberno Local. O inmoble, construído no ano 1946, consta de planta baixa dedicada a hostalaría e catro alturas, que agora mesmo carecen de uso e que poderán reformarse para albergar un total de 6 vivendas. Dado o seu emprazamento, na contorna de varios bens incluídos no Catálogo de Bens do PXOM _vivendas da Praza de Galicia, cruceiro e fonte_, foi preciso contar coa autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. O orzamento das obras autorizadas supera os 230.000 euros.

Tamén está aprobada xa a licenza de reforma dun edificio situado na rúa Xílgaro, construído no ano 1983, que conta con planta soto destinado a rochos, planta baixa con uso de garaxe, planta primeira cunha vivenda e outras catro alturas, incluída a baixo cuberta, que carecen de uso. O proxecto, que ten un orzamento de máis de 130.000 euros, permitirá a instalación de ascensor e a reforma das plantas que carecen de uso para destinadas a vivendas, unha por planta.

Deja un comentario